Portocabo e Movistar Plus+ reforzan o seu compromiso coa sustentabilidade coa súa nova serie “Ardora”
“Ardora”, a nova serie da nosa asociada Portocabo para Movistar Plus+ protagonizada por Carolina Yuste e Javier Gutiérrez e rodada na Coruña, uniuse á campaña de sensibilización ambiental impulsada por Autoridade Portuaria, incorporando a iniciativa á propia trama da serie.
A produción súmase á campaña de sensibilización impulsada pola Autoridade Portuaria da Coruña. A iniciativa inclúe a instalación de 40 placas informativas de latón en distintos puntos da Mariña e O Parrote, en espazos portuarios abertos ao uso público.
En recoñecemento á súa implicación nesta iniciativa, o presidente do Porto fixo entrega dunha destas placas á serie “Ardora” nun acto celebrado este luns, 27 de abril, no que participaron Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña; Alfonso Blanco Bembibre, director xeneral de Portocabo; Raúl Bustamante Matías, responsable de Relacións Institucionais de Movistar Plus+, e Paula Rodríguez Beirán, directora de Galicia e Asturias de Telefónica de España, quen puxo en valor a colaboración entre o sector audiovisual e as iniciativas de concienciación ambiental.
Estas placas forman parte dunha acción informativa que lembra á cidadanía que moitas reixas e sumidoiros do pavimento desembocan directamente no mar, polo que calquera residuo arrichado neles acaba contaminando o ecosistema mariño. Baixo a mensaxe "Non guindes nada. O mar empeza aquí", a campaña pretende visibilizar o impacto dos pequenos xestos cotiáns e fomentar comportamentos responsables na contorna urbana e portuaria.
En liña co seu compromiso coa sustentabilidade, a compañía integrou esta iniciativa no propio universo narrativo de “Ardora”, incorporando unha destas placas en distintas escenas da serie. Deste xeito, a ficción transcende a pantalla para contribuír activamente á concienciación medioambiental.
Como toda serie orixinal Movistar Plus+ e co obxectivo de minimizar o seu impacto ambiental, “Ardora” conta cun Plan de Sustentabilidade que abarca as fases de preprodución, rodaxe e postproducción. Así mesmo, elaborarase un informe de resultados que incluirá o cálculo da pegada de carbono da produción, así como as medidas de sustentabilidade implantadas e a súa eficacia, segundo informan desde a plataforma. Este cálculo será verificado por unha entidade externa e independente que acreditará a súa validez.
Alén deste plan integral, a produción contou coa nosa asociada Ana de Aspe de "La Tribu Verde" como ecománager e a aplicación de protocolos específicos de rodaxe sostible, reforzando o compromiso de Movistar Plus+ co desenvolvemento de contidos responsables.
No marco desta colaboración, a Autoridade Portuaria fixo entrega aos responsables da serie dunha das placas incluídas na trama, como símbolo da conexión entre o sector audiovisual e a sensibilización ambiental.
Raúl Bustamante Matías, responsable de Relacións Institucionais de Movistar Plus+, subliñou que “a compañía se consolida como un referente en produción audiovisual máis sostible con 46 producións que contaron con plans de sustentabilidade específicos, grazas aos cales, evitáronse de media un 12% de emisións. Neste contexto, 'Ardora' dá un paso máis e converte ese compromiso en algo tanxible, integrando a mensaxe desta placa de forma directa na súa narrativa audiovisual".
Pola súa banda, o director xeneral de Portocabo, Alfonso Blanco, destacou a boa colaboración co porto durante a rodaxe e sinalou que “para que 'Ardora' fose unha serie realista e conectada coa Coruña, o porto tiña que formar parte da historia. É un elemento esencial da cidade e por iso incorporámolo como unha das contornas crave. A maiores, quixemos integrar de xeito visual esta campaña que se estaba levando a cabo na vida real e que nos parecía moi inspiradora. En Portocabo levamos tempo aplicando medidas sostibles nas nosas producións, así que incluílo tamén na narrativa da serie tiña todo o sentido".
Desde Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado felicitou a Movistar Plus+ e a Portocabo por querer recoller na serie “Ardora” a relevancia do coidado do medio ambiente, mostrando a súa satisfacción polo feito de que na ficción se de visibilidade á campaña emprendida polo Porto coa instalación das placas na fronte marítima da cidade.
Unha parte significativa da serie foi rodada en localizacións do porto da Coruña, que terá un papel salientable na ficción, contribuíndo a reforzar a presenza da contorna marítima e urbana da Coruña na narrativa da serie.
A estrea de “Ardora”, de cinco episodios, está prevista para 2027 en exclusiva en Movistar Plus+. A serie, producida por Portocabo, está protagonizada por Carolina Yuste e Javier Gutiérrez, creada por Pepe Coira e Fran Araújo (“Rapa”, “Hierro”) e dirixida por Jorge Coira (“Rapa”, “Hierro”).
A serie céntrase en Ronsel, unha avogada na quenda de oficio da Coruña, que ten que defender a Aarón, un mozo problemático acusado de asasinar a un importante empresario local. O caso parece sinxelo. Todo apunta a que é culpable e que Ronsel poderá dedicar as súas enerxías para atender a súa complexa vida privada. Durante o proceso, Ronsel ten que enfrontarse a Luís, un policía que, como ela, está a vivir a súa propia crise privada e que debe evitar por todos os medios que descubra a verdade.