“Land Rober + Show” gaña o Premio CIRCOM 2026 e a serie “Lume” recibe unha mención especial
“Land Rober + Show”, o espazo do prime time da nosa asociada a Televisión de Galicia, alzouse co Premio CIRCOM 2026 na categoría de Entretemento, segundo foi anunciado este venres polo CIRCOM, a maior organización europea de televisións rexionais públicas.
“Land Rober”, referente absoluto do entretemento na grella da TVG nas noites de luns a xoves, foi definido polo xurado como un programa de “puro entretemento”, polo seu “forte sentido de identidade e altos valores de produción”, salientando ademais “un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico”. O espazo presentado por Roberto Vilar suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).
Ademais, a serie “Lume” (Setemedia), coproducida por TVG e a RTP e gañadora do I Festival Internacional de Series Ría de Vigo en 2025, recibiu a mención especial do xurado na categoría de drama. O xurado destaca “Lume” polo seu tratamento dun importante problema rexional: os incendios forestais que afectan a Galicia e ás áreas veciñas ano tras ano. Tamén reflicte a realidade cultural e lingüística da rexión fronteiriza mediante o uso natural do galego, o castelán e o portugués, achegando á historia un forte sentido de lugar e autenticidade. Despois de ser emitida na TVG e na RTP o pasado verán, “Lume” segue dispoñible na plataforma AGalega.gal.
CIRCOM engloba 30 países e preto de 250 televisións rexionais, o que a converte na maior asociación de canles rexionais públicas de toda Europa. Esta edición bateu o récord de candidaturas, con 272. Os premios serán entregados o próximo 21 de maio nunha gala na cidade de Tampere, Finlandia.