A TVG é a canle de televisión máis vista en Galicia, segundo o EXM
A Televisión de Galicia confírmase como a canle máis vista na comunidade na primeira onda do Estudo Xeral de Medios de 2026, publicada este mércores. A TVG consolida o seu liderado absoluto no ámbito audiovisual galego, un liderado que se reflicte en todos os días da semana e en todas as franxas horarias.
A TVG acada un 20,1% de cota de luns a domingo, superando en 8,4 puntos o seguinte competidor, Antena 3 (11,7%) e La 1 (11,3%).
TVG lidera, ademais, en todas as franxas horarias:
- Na franxa da mañá (8:00 a 13:30) acada un 28,4% fronte ao 11,1% do seguinte competidor, La 1.
- Na sobremesa (13:30 a 17:00) acada un 30,2% fronte ao 17,3% que acada A3 en segundo lugar. Nesta franxa, que abrangue os informativos “Galicia noticias” e “Telexornal mediodía”, a TVG acada picos de audiencia por riba do 40% (41,2%).
- Na tarde (17:00 a 20:00) a TVG suma un 13,9% de audiencia, fronte ao 10,9% do segundo, neste caso T5.
- No prime time, a TVG segue liderando cun 16,2% fronte ao 12,1% de La 1.
A Televisión de Galicia non só mantén o liderado, senón que medra, apoiándose nos novos formatos da súa grella e na fortaleza das súas franxas informativas. Creceu un 15,5% con respecto á última onda do EXM de decembro do 25. Xunto con Tele5 é a única canle que medra en Galicia.