Cluster Audiovisual Galego

A serie “Pensión incompleta”, Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español

16-04-2026

A serie “Pensión incompleta”, producida pola nosas asociadas Voz Audiovisual e TVG, xunto a EITB e 3CAT, foi recoñecida co Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español, unha distinción que outorgan anualmente as comunidades autónomas con idioma propio. 

A ficción galega, que se estreará ao longo deste 2026, é a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais de España (castelán, galego, éuscaro e catalán), motivo polo cal a comisión de seguimento do protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos Gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares decidiu concederlle o galardón a esta produción.

Este premio representa o espíritu do Protocolo, pola súa contribución á visibilización e posta en valor das distintas linguas oficiais do Estado, destacando o seu papel na promoción da diversidade lingüística e cultural.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen participou onte nun encontro celebrado en Bilbao entre os departamentos de Política Lingüística dos territorios asinantes do protocolo, mostrou a súa satisfacción por esta distinción, xa que “Pensión incompleta” é un “proxecto pioneiro que leva selo galego” co que a Xunta colabora directamente “cunha axuda á produción de 240.000 euros”. Así mesmo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que o recoñecemento reivindica “a fórmula de colaboración entre televisións autonómicas para levar a cabo unha produción audiovisual que, a través dunha estrutura narrativa compartida, retrata a riqueza cultural, lingüística e natural dos diferentes territorios”.

“Pensión incompleta” é unha comedia con aires de thriller na que un grupo de viaxeiros do Imserso procedentes de distintas rexións de España se ve envolto nunha trama de roubos de obras de arte. No elenco figuran intérpretes como Ane Gabarain e Joseba Apaolaza, xunto a destacados artistas galegos, encabezados por Luís IglesiaCristina AndradeManuel San Martín e María Costas.

Unha road movie creada por Sergio Campos, Lidia Fraga e Mercè Sarrias, e dirixida por Jesús Font e Giselle Llanio, na que os personaxes falan cada un no seu idioma, aínda que teñen o castelán como base para entendérense.