Cluster Audiovisual Galego

“Mu-ki-ra”, longa de animación infantil de Abano, terá a súa estrea no FICCI

14-04-2026

Hoxe arranca o FICCI Festival Internacional de Cine de Cartagena de Indias que celebra ata o 19 de abril a súa 65ª edición, e que acollerá a estrea de “Mu-ki-ra”, longametraxe de animación infantil da nosa asociada Abano Producións.

Dirixida por Estefanía Piñeres Duque, Mu-ki-ra” é unha coprodución entre España e Colombia que terá a súa estrea na sección Cine en los Barrios tralo seu paso por Ventana Sur e o Marché du Film do Festival de Cannes.

Sinopse

Nunha terra axexada por monstros feitos de vexetación, Cleo, unha nena de trece anos, enfrontarase ao seu peor pesadelo cando Martín, o seu irmán pequeno, sexa atrapado por un deles. Coa axuda de Iolo, unha anciá máxica, e unha divertida osa formigueira como compañeira de viaxes, Cleo penetrará no profundo da selva para atrapar a Mukira, o monstro que se levou a Martín. Cleo axiña aprenderá que os monstros ocultan un sorprendente segredo baixo a súa enorme capa de pelo.