A segunda tempada de “Clanes” (Vaca Films) lidera o Top de Netflix
Desde o seu regreso o pasado 3 de abril, a segunda tempada de “Clanes” volveu a desatar a tolemia na plataforma. Seis episodios que continúan a historia de Ana e Daniel Padín, esta vez en bandos opostos, e que bastaron para que Netflix presuma en toda Europa de ter entre mans unha das súas ficcións máis potentes dos últimos anos.
Producida pola nosa asociada Vaca Films, a segunda entrega chega con seis novos capítulos escritos por Jorge Guerricaechevarría e dirixidos por Marc Vigil e Javier Rodríguez. Ademais, Luis Zahera únese ao elenco encabezado por Clara Lago e Tamar Novas. Completan a repartición Xosé Antonio Touriñán, Melania Cruz, Miguel de Lira, María Pujalte, Chechu Salgado e Diego Anido, entre outros.
O thriller, ambientado nas Rías Baixas, volve demostrar o enorme tirón das historias ligadas ao narcotráfico galego, combinando paisaxes recoñecibles cunha trama cada vez máis intensa e escura. O seu regreso era un dos máis esperados do ano, especialmente tras o impacto internacional da súa primeira tempada, estreada no verán de 2024, que se converteu na produción de fala non inglesa máis vista do mundo na semana do seu debut, alcanzando o número un en 28 países e coándose no Top 10 de 82 territorios. Un logro que poucas ficcións españolas poden presumir de conseguir.