Cluster Audiovisual Galego

Undodez lanza “Pantalla”, un espazo para acceder aos contidos dispoñibles en aberto

27-03-2026

Unha iniciativa que ordena, agrupa e facilita o acceso a unha parte significativa do traballo audiovisual da nosa asociada Undodez, e que busca facer máis accesible a cultura que produce.

Esta especie de “anexo” á propia web de Undodez, nace como unha extensión natural da súa actividade. Ao longo dos anos, a produtora foi desenvolvendo proxectos moi diversos (series, programas, videoclips, curtametraxes ou formatos de divulgación) que se atopan repartidos en diferentes plataformas. Este novo apartado permite reunilos nun único lugar, facilitando a súa localización e consumo.

Foto: Aigi Boga

O espazo funciona como un agregador organizado por categorías (cultura, entretemento, ficción, infantil e videoclip) que permite navegar polos contidos de maneira sinxela e intuitiva. Cada peza inclúe unha breve descrición e o acceso directo á plataforma na que está dispoñible.

Entre os contidos que forman parte de “Pantalla” atópanse series infantís como “Pipo” ou “Bibopalula”, programas do ámbito da divulgación como “Recollendo Músicas” ou “Nosoutras”, e contidos de ficción, como “Na Gloria” ou a curtametraxe “Nena”, entre outros.

Con “Pantalla”, Undodez dá un paso máis na difusión do seu catálogo, apostando por unha organización clara dos seus contidos e por facilitar o acceso do público a eles. Un espazo pensado para descubrir, revisitar e compartir proxectos que forman parte do seu percorrido recente, segundo aseguran desde a produtora.

Accede a Pantalla