20 premios para empresas do Clúster na XXIV edición dos Mestre Mateo
En total, 20 galardóns para producións de empresas asociadas ao Clúster Audiovisual Galego naXXIV edición dos Premios Mestre Mateo, que entregou a Academia Galega do Audiovisual o pasado sábado 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. As empresas pertencentes ao Clúster que acadaron algún premio polas súas obras foron Abano Producións, Filmax, Portocabo, Televisión de Galicia, Undodez, Voz Audiovisual e Zenit Televisión.
“Antes de nós”, a longametraxe dirixida por Ángeles Huerta, foi a produción máis premiada da gala ao sumar 13 galardóns entre as categorías artísticas e técnicas e igualar o récord histórico de “Dhogs” nos Mestre Matero. “Sirāt”, a produción dirixida por Oliver Laxe, fíxose co premio a Mellor longametraxe, ademais de sumar os galardóns a Mellor música orixinal, para Kangding Ray, e Mellor son, para Amanda Villavieja.
Entre os galardóns conseguidos por “Antes de nós”, producida pola nosa asociada Zenit Televisión e participada pola tamén socia a Televisión de Galicia, figuran os de dirección para Ángeles Huerta, quen recolleu o seu segundo Mestre; guión para Pepe Coira; dirección de arte para Elia Robles; dirección de fotografía para Lucía C. Pan; dirección de produción a Lucía Caramelo; maquillaxe e perruquería para Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario para Aránzazu Domínguez; e montaxe a Lucía Iglesias; así como os premios de interpretación, tanto protagonistas para Cris Iglesias e Xoán Fórneas, como de reparto. Precisamente nesta última categoría interpretativa produciuse un dos momentos máis inesperados da noite, cun premio ex aequo en interpretación feminina de reparto ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro.
A gala deixou tamén instantes especialmente emotivos, como a entrega do premio a Mellor interpretación masculina de reparto a Miquel Ínsua por “Antes de nós”, falecido este ano.
Tres asociadas do Clúster fixéronse cos galardóns do apartado televisivo, “Weiss & Morales” (Portocabo) acadou o premio a Mellor serie de televisión, mentres que “Bechos” (Undodez) foi recoñecida como Mellor serie web. “Cos pés na terra” (Filmax), fíxose co galardón a Mellor programa.
Nas categorías de curtametraxes, “Curmán”, dirixido por Alejandro Jato, foi distinguida como Mellor curtametraxe de imaxe real, mentres que “O corpo de Cristo”, da asociada Abano Producións e Uniko dirixida por Bea Lema, acadou o premio á Mellor curtametraxe de animación. O galardón a Mellor documental foi para “360 Curvas”, dirixida por Alejandro Gándara, Ariadna Silva Fernández.
En canto ao resto de categorías, o premio a Mellor videoclip foi para “Hibernarse – O videofilme”, producido por Fillas de Cassandra, e “Ao noroeste do oeste”, da asociada Undodez e Medio Limón, foi recoñecido como Mellor anuncio publicitario. O galardón a Mellor comunicador foi para Xosé Ramón Gayoso por “Luar” (TVG), mentres que Marcos Nine obtivo o premio á Mellor realización por “Historias de aquí”, da asociada Voz Audiovisual.
Un dos momentos máis salientables da noite foi a entrega do Premio de Honra á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao audiovisual galego.