A Galega logra 12 candidaturas no Celtic Media Festival 2026
Doce candidaturas da nosa asociada a CSAG competirán no Celtic Media Festival en Belfast o vindeiro mes de xuño. O anuncio dos nomeamentos, feito público este mércores, consolida os medios públicos galegos como referente da produción audiovisual no eido internacional.
A 47ª edición deste certame recoñecerá os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas. As producións galegas compiten con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3. Entre as producións elixidas este ano atópanse ficcións, longametraxes, programas de entretemento, espazos infantís e proxectos radiofónicos que reflicten a diversidade e a calidade da programación da CSAG.
A ficción galega, unha aposta forte
En Single Drama (filme dramático), foi seleccionada a película “Antes de nós”, dirixida por Ángeles Huerta e producida por Zenit Televisión, unha ollada íntima á figura de Castelao a través da relación coa súa muller, Virxinia Pereira. Na categoría de comedia televisiva, foi seleccionado o filme “+ Cuñados”, a secuela da exitosa película “Cuñados”, producida por Portocabo e que presenta unha nova aventura do trío interpretado por Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán e Federico Pérez.
Ademais, a CSAG compite no apartado de Drama Series (serie dramática) con “Lume”, a coprodución galego-portuguesa (Setemedia) protagonizada por Cristina Castaño no papel dunha xornalista que desentraña unha rede de intereses tras un incendio devastador na fronteira con Portugal. No eido do entretemento foi nomeado o programa “Hit List”, un gameshow musical para toda a familia presentado por Rafa Durán e a exconcursante de OT Miriam Rodríguez, en que os concursantes poñen a proba os seus coñecementos sobre a historia da música.
Na categoría infantil, competirán “Bibopalula” e “Pipo”, dúas producións de Undodez para a Televisión de Galicia. “Bibopalula” é a primeira serie de animación musical rodada en galego e narra as aventuras da Banda do Bosque e a súa descuberta dos ciclos naturais. Pola súa parte, “Pipo” é unha serie web que conta a historia de Berta, unha rapaza de seis anos que acolle o extraterrestre que atopa no patio da súa casa.
Producións de AGalega.gal
No ámbito das artes é candidato “Espazo mural”, programa de AGalega.gal que se mergulla no mundo do graffiti e a arte urbana, mostrando o proceso creativo de diversos artistas galegos. Outra produción da plataforma dixital nomeada é “Incalculable”, no apartado de Factual Entertainment. Este espazo, producido por Tamboura Films, amosa como viven e se relacionan as especies animais e vexetais galegas. Tamén é candidata, na categoría de Short Form, a webserie “Postcoito”, da que AGalega.gal conta cos dereitos de emisión e que retrata situacións, conflitos e emocións que xorden xusto despois de ter relacións sexuais.
Ademais, Duarte Galbán, presentador do concurso “Gaña a túa aldea”, producido por Miraveo e no que os participantes deben responder preguntas sobre as bisbarras galegas, está proposto para o premio ao presentador de televisión do ano.
Radio Galega
No eido radiofónico, a Radio Galega loitará polo premio á mellor emisora de radio do ano, mentres que “A bóla extra”, programa de humor e información da Radio Galega conducido por Kiko Novoa e Cristina García, é candidato na categoría de Sound Comedy. Ademais, a edición de “Seres”, espazo presentado por Rubén Riós, titulada “Os que quedaron sen nada tralos incendios” foi proposta no apartado de Factual Series.
O Celtic Media Festival, que promove a cultura e a lingua dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 47 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.