Cluster Audiovisual Galego

“Bibopalula” e “Pipo”, de Undodez, e “Antes de Nós”, de Zenit TV, premios especiais dos XXIV Mestre Mateo

09-03-2026

O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolleu o pasado venres 6 de marzo o encontro de finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo, organizado pola Academia Galega do Audiovisual. Unha cita previa á gala do audiovisual galego na que tres obras de produtoras asociadas ao noso Clúster foron recoñecidas con premios especiais.

O Premio ABANCA ao impulso da sustentabilidade foi para a serie “Bibopalula” (Undodez) “por integrar de forma coherente, creativa e responsable os valores da sustentabilidade tanto na súa proposta narrativa como na súa vocación pedagóxica”.

Imaxes: Aigi Boga

O Premio Deleite á promoción da lingua foi para a serie web “Pipo” (Undodez), pola súa contribución para achegar o galego ás novas xeracións dun modo natural, creativo e próximo.

O Premio Especial do Público Galicia Calidade recaeu na película “Antes de Nós” (Zenit TV). Este recoñecemento destaca a calidade artística e técnica dunha produción que contribúe a reforzar o prestixio do audiovisual galego.

A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo celebrarase o próximo 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, onde se recoñecerán ás producións galegas máis destacadas do último ano.