“Decorado”, do director galego Alberto Vázquez e coproducida por Abano, Goya a mellor película de animación
A cinta “Decorado” logrou facerse co Goya á mellor película de animación na gala do cine español celebrada o sábado 28 de febreiro en Barcelona e suma un novo gran éxito na súa traxectoria. Dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, “Decorado” é unha fábula distópica, que combina humor e terror para construír unha alegoría sobre o control social e o artificio da vida contemporánea.
A película, que conta coa participación da Televisión de Galicia, está producida por Chelo Loureiro (Abano Producións), Iván Miñambres (Uniko), José María Fernández de Vega (The Glow) e Nuno Beato (Sardinha em Lata). “Decorado” suma este premio Goya aos galardóns recollidos desde a súa estrea, nos premios Forqué e nos festivais “Fantastic Fest”, un dos festivais do xénero máis importantes do mundo, en Austin (Texas, EEU.UU.), e no Animation Is Film, de California.
Esta longametraxe de animación é a ampliación da historia xa presentada na curta homónima Decorado, gañadora do Goya nesta categoría no ano 2017.
Coa película, Vázquez trata de "reflectir a crise que vivimos na sociedade actual. As problemáticas existenciais, laborais, médicas ou de parella son universais, por iso funcionan: son intrínsecas ao ser humano".
A 40 edición dos Premios Goya, organizada pola Academia de Cine Española, foi presentada por Luis Tosar e Rigoberta Bandini no Auditori Fórum CCIB de Barcelona.