Undodez presenta en Santiago o documental “Ao son da nova regueifa”
A nosa asociada Undodez vén de presentar en Santiago de Compostela “Ao son da nova regueifa” acompañada do equipo do filme e de boa parte da familia regueifeira. A obra é unha das catro finalistas a Mellor Documental dos Premios Mestre Mateo 2026.
Dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, “Ao son da nova regueifa” é unha viaxe audiovisual polo presente da improvisación oral en Galicia. O documental percorre distintos territorios para retratar as persoas e comunidades que están a manter viva esta tradición, poñendo o foco na súa capacidade de adaptación, transmisión e transformación no contexto contemporáneo.
A peza propón un relato coral no que a palabra improvisada aparece como ferramenta creativa, pedagóxica e comunitaria. Desde os espazos educativos ata os encontros culturais, o filme amosa unha práctica que continúa evolucionando grazas á implicación das novas xeracións e ao diálogo constante co pasado.