Cluster Audiovisual Galego

“Cura sana”, a primeira longametraxe de Lucía G. Romero, que será producida por Filmax, premiada en Berlinale Co-Production Market 2026

18-02-2026

“Cura sana”, a ópera prima de Lucía G. Romero, que será producida por Filmax, está actualmente en fase de financiamento. A película gañou o Gen-Z Audience Award no Co-Production Market do Festival de Berlín, un galardón outorgado polo xurado formado por estudantes de Francia e Alemaña de entre 20 e 29 anos. É a segunda edición deste premio que recompensa proxectos atractivos para unha audiencia entre os 20 e os 29 anos. “Cura sana” foi un dos 35 proxectos seleccionados no mercado de entre os máis de 390 presentados.

Laura Fernández Brites e Sendy Palomino Vivar, produtoras executivas do filme, valoran o premio como “un gran impulso nun momento clave, agora que estamos en pleno financiamento do proxecto. Este recoñecemento reforza o interese internacional por “Cura sana” e dános unha enerxía decisiva para seguir sumando aliados.”

O guion de “Cura sana” foi seleccionado na prestixiosa Residencia de lal Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, un dos programas de desenvolvemento máis competitivos do país, onde foi mentorizado durante un ano por recoñecidas cineastas.

Lucía G. Romero é unha das voces máis prometedoras do cinema español tras gañar no Festival de Berlín o Oso de Cristal co seu primeiro traballo como cineasta. A celebrada curtametraxe foi recoñecida con numerosos galardóns, entre eles o Premio Ex-aequo á Mellor Interpretación no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove 2024 e o nomeamento a Mellor Curtametraxe nos Premis Gaudí. A súa segunda curtametraxe, “Casi septiembre”, competiu na Sección Oficial do Festival de Berlín na pasada edición.  Ademais, a curtametraxe foi recoñecida co Premio á Mellor Curtametraxe na SEMINCI e estreouse no Festival de Clermont-Ferrand, onde a actriz protagonista foi galardoada co premio a Mellor Interpretación.

Lucía G. Romero reflexiona sobre a natureza do proxecto: “’Cura sana’ é unha película dramática cun importante compoñente de realismo social, pero ante todo é unha historia de crecemento. Interésame seguir a Dayana a través dun proceso de autodescubrimento e sanación, onde o impacto psicolóxico dunha infancia traumática coexiste coas primeiras veces, os primeiros amores e os pequenos ritos de paso da adolescencia. A pesar da complexidade do seu contexto, a película está escrita como unha viaxe cara á luz; chea de tenrura, lixeireza e esperanza, impulsada pola enerxía vibrante e magnética do seu protagonista”.