Cluster Audiovisual Galego

As empresas do Clúster conseguen 70 candidaturas para os Premios Mestre Mateo 2026

04-02-2026

As empresas asociadas ao Clúster Audiovisual Galego suman un total de 70 candidaturas para os Premios Mestre Mateo 2026, organizados pola Academia Galega do Audiovisual. A actriz Andrea Varela e o presentador Juan Fuentes anunciaron as candidaturas finalistas da vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo nun acto celebrado onte, martes 3 de febreiro, no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. Os filmes “Antes de nós” (18), “As liñas descontinuas” (11) e “San Simón” (8), e as series “O home perfecto” (4) e “Weiss & Morales” (4) están entre as producións que lideran as candidaturas desta edición. 

“Antes de nós”, primeira película sobre a figura de Castelao, coproducida por Zenit Televisión e participada pola Televisión de Galicia, opta a ser a mellor longametraxe e sitúa como finalistas a Ángeles Huerta en dirección e a Pepe Coira en guión, ademais de Cris Iglesias como interpretación feminina protagonista e Xoán Fórneas como interpretación masculina protagonista. En categorías de reparto son finalistas Luisa Merelas e Victoria Teijero, xunto con Adrián Ríos Rúa, Nancho Novo e o recentemente falecido Miquel Ínsua López. O filme é tamén finalista en dirección de fotografía con Lucía C. Pan AEC, dirección de produción con Lucía Caramelo, dirección de arte con Elia Robles, montaxe con Lucía Iglesias Fuentes, música orixinal con Sofía Oriana Infante Souto, son con Toni Penido, David Machado e Javier Pato, vestiario con Aránzazu Domínguez Veiga e maquillaxe e perruquería con Chicha Blanco e Lorena Calvo. 

“As liñas descontinuas”, tamén participada pola Televisión de Galicia, acumula 11 candidaturas, en mellor longametraxe, dirección para Anxos Fazáns e en guión, compartido por Anxos Fazáns e Ian de la Rosa, ademais de Mara Sánchez e Adam Prieto como finalistas nas interpretacións protagonistas. O filme compite tamén en dirección de produción con Nati Juncal e Silvia Fuentes, dirección de fotografía con Sandra Roca, montaxe con Diana Toucedo e Laura Piñeiro, música orixinal con Xavier Bértolo e son con Xavier Souto, David Machado e Javier Pato. 

E outro filme apoiado pola canle pública galega, “San Simón”, resultou finalista en 8 categorías: mellor longametraxe, dirección de arte con Inés R. Sancristán, dirección de produción con Analía G. Alonso e Aleix Castellón, interpretación masculina de elenco con Tatán, interpretación masculina protagonista con Flako Estévez, maquillaxe e peiteado con Sonia García e Silvia Neira, son con Elsa Ferreira, Pedro Gois, Daniel Fernández, Toni Penido, e vestiario con Uxía Vaello. 

Ademais, outra película apoiada pola Televisión de Galicia, “Meu ilustrísimo amigo”, sobre a apaixonante historia de amor e creatividade de Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós no século XIX, foi proposta na categoría de vestiario (Fede Pouso) e de mellor interpretación feminina de elenco (Lucía Veiga). 

No apartado de televisión, a serie da TVG “O home perfecto”, producida por Voz Audiovisual e protagonizada por Adrián Castiñeiras, Elena Seijo e Alba Loureiro, sitúase como unha das máis recoñecidas desta edición, con candidaturas en mellor interpretación feminina de reparto (Desiré Pillado), na dirección de arte (Sonia Prol) e en maquillaxe e peiteado (Fani Mosqueira). Competirá no apartado de mellor serie de televisión con outras producións da TVG como “Punto Nemo” e “Bibopalula”, a primeira serie musical de animación rodada en galego, que baixo a produción de Undodez tamén é candidata ao premio á mellor música orixinal (Santi Jul, Iván Laxe). 

Ademais é candidata finalista a mellor serie de televisión “Weiss & Morales”, producida por Portocabo, e que opta tamén aos galardóns a mellor dirección de fotografía (Jaime Pérez AEC), mellor dirección (Lucía Estevéz) e mellor montaxe (Gaspar Broullón e Lu Rodríguez). 

Na categoría de serie web, son candidatas dúas producións de animación de Undodez para TVG: “Bechos” e “Pipo”. E na de mellor programa de televisión, outros tres espazos da canle pública galega: “Cos Pés na Terra”, que descobre as historias humanas apaixonantes das persoas que deciden quedar no campo como medio de vida producida por Filmax (Producións A Fonsagrada), e que tamén está proposta ao premio á mellor realización (Diego Guerrero, Marcos Estebo, Breixo Llano); “Raíña-me”, o primeiro programa drag en galego, dispoñible en AGalega.gal, e “O videoclub”, pequenas pílulas sobre películas galegas, que están tamén na plataforma dixital. Ademais, optan a mellor comunicador Xosé Ramón Gayoso, o histórico presentador de “Luar”, Miguel Canalejo, de “O videoclub”, e Lucía Veiga, que durante o pasado verán levou a batuta do “Aquí Galicia Fest”. 

A longametraxe de animación “Decorado”, o novo traballo de Alberto Vázquez, coproducido por Abano Producións e que tamén conta coa participación da Galega, é finalista na categoría de mellor guión (Alberto Vázquez, X. Manuel Ruiz); tamén coproducida por Abano “O corpo de Cristo” é candidata a mellor curtametraxe de animación; o actor Luis Tosar é candidato a mellor intérprete masculino protagonista por “Golpes” (Vaca Films); a actriz Isabel Naveira, da serie da TVG “Lume”, producida por Setemedia, competirá polo premio á mellor interpretación feminina de elenco, e Marcos Nine opta ao galardón a mellor realización polo programa “Historias de aquí”, que amosa feitos tráxicos e momentos irrepetibles da nosa historia recente contados polos seus protagonistas. 

Entre os candidatos a mellor anuncio publicitario están tres traballos de asociadas do Clúster: “Gadis. Compartimos La Vida”, de Congo Producciones; “Ao Noroeste Do Oeste” e “Historias que nos impulsan”, de Undodez Producións. Esta última opta tamén ao premio a mellor documental por “Ao son da nova regueifa”. 

Xunto ao anuncio dos finalistas, a Academia Galega do Audiovisual desvelou que a actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez serán os encargados de presentar a gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, que terá lugar o día 21 de marzo en Lugo.

Candidaturas finalistas da XXIV edición dos Premios Mestre Mateo.