“O amor está en Galicia”, desde o mércores no prime time da TVG
Televisión de Galicia estrea este mércores no prime time “O amor está en Galicia”, un formato de citas a cegas presentado por Paco Lodeiro e Laura Boado. O espazo levará os espectadores de viaxe nunha icónica “cupi-furgo”, o vehículo desde o que se recollerán peticións e se escoitarán historias reais e de novas parellas que non se coñecen de nada, pero quedan para falar, compartir o seu relato de vida e comprobar se entre elas prende algo especial.
“O amor está en Galicia” aposta por historias reais, pola retranca, pola sinceridade e por un xeito moi galego de entender os afectos. Cada programa contará con dúas parellas diferentes e coa complicidade dos presentadores, que os axudarán a romper o xeo.
Neste novo dating-show da TVG haberá de todo: parellas que discuten porque non coinciden en gustos ou en formas de ver o amor e participantes que confesan os máis íntimos segredos. Tamén persoas que se emocionan ao falar do que lles fallou no amor e encontros que sorprenderán mesmo a Laura Boado e Paco Lodeiro, intérprete da sintonía do programa, unha adaptación de “Love is in the air”.