A CSAG programa “Universo Castelao”, con contidos na G2 e agalega.gal durante toda a semana, e a estrea de “Antes de nós” na TVG
Os medios públicos galegos celebran o 140 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa programación especial de “Universo Castelao”, unha ampla selección de contidos desde o domingo na G2 e na plataforma dixital AGalega.gal, que achegarán unha visión plural e accesible de Castelao como creador, pensador, político e símbolo colectivo.
E a primeira canle, a TVG, estreará o domingo 1 de febreiro no prime time “Antes de nós”, cinta dirixida por Ángeles Huerta e producida pola nosa asociada Zenit TV que quedará dispoñible na plataforma dixital os dous días seguintes. O filme, protagonizado por Xoán Fórneas e Cris Iglesias, aborda momentos decisivos na vida de Castelao nun relato íntimo sobre a dor, a creación e o compromiso compartido. Ademais, o 29 de xaneiro, a G2 emitirá o making off da película, “Antes de nós, o Castelao máis íntimo”.
Pero durante toda a semana a G2 (desde as 22:30 h) ofrecerá unha ampla escolma de documentais e pezas relativas a Castelao. Hoxe, luns, emitiranse “Os señores da palabra: Castelao, Letras Galegas 1964”, “As mil e unha páxinas: Castelao e a literatura galega da diáspora”, “A trabe de ouro: O teatro galego” e a aproximación á Xeración Nós “Nós, semente de futuro”.
Outros contidos da semana serán, entre outros, “Un mundo de historias: O retrato” (día 27), unha dramatización deste relato de Castelao; “Historias a pé de páxina: o nacemento da Rianxeira”, historia do himno oficioso de Galicia (día 28), e “No bico un cantar: Lela”, sobre a canción baseada no texto de “Os vellos non deben namorarse”; tamén o 28 de xaneiro, “Virxinia Pereira, a community manager de Castelao” (día 29), peza que se achega á figura da muller de Castelao, sepultada baixo a enorme sombra do rianxeiro máis universal; ou, xa o domingo 1 de febreiro, o documental “Xeración Nós”.
Sección especial en AGalega.gal
Todos os contidos emitidos na G2 quedarán recollidos na plataforma AGalega.gal que ampliará a oferta con máis pezas para revisitar a figura, a obra e o legado dun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea, nado un 29 de xaneiro. Así, “Universo Castelao” complétase con, entre outros títulos, tres faladoiros históricos: “A Chave: Castelao na luz e na sombra”, “A Chave: Castelao na emigración” e “Encontros: Castelao”.