Cluster Audiovisual Galego

Catro empresas do Clúster optan a 14 premios Goya

15-01-2026

As asociadas do Clúster Abano Producións, Filmax, Frida Films e Mr. Fields and Friends contan con 14 nominacións aos Premios Goya, polas súas películas: “Decorado”, "Una quinta portuguesa", "Gaua", "La Furia", "Mi amiga Eva", "El tesoro de Barracuda”, "Olivia y el terremoto invisible", “Leo & Lou” e “Rondallas”.

Estreada en cines o 9 de maio, "Una quinta portuguesa", o “feelgood autoral” de Avelina Prat distribuido por Filmax, opta aos galardóns a mellor actor protagonista para Manolo Solo, mellor actriz de reparto para Maria de Medeiros, e mellor guion orixinal para Avelina Prat.

"Gaua", dirigida por Paul Urkijo Alijo, tivo a súa estrea mundial na 58 edición do Festival de Cine Fantástico de Sitges, dentro da Sección Oficial a competición. Esta longametraxe distribuida por Filmax compite polos Goya a mellor deseño de vestiario para Nerea Torrijos, mellor maquillaxe e perruquería para Patricia López, Paco Rodríguez H. e Nacho Díaz, e mellores efectos especiais para Jon Serrano, Mariano García Marty, David Heras, Iñaki Gil "Ketxu".

"La Furia", ópera prima da directora Gemma Blasco, estreouse en salas o pasado 28 de marzo por Filmax, e é candidata aos premios a mellor actriz protagonista para Ángela Cervantes e a mellor dirección novel para Gemma Blasco.

“Mi amiga Eva”, a décima longametraxe de Cesc Gay, estrouse en cines o pasado 19 de setembro da man de Filmax. Conta cunha nominación aos Goya na categoría de mellor actriz protagonista para Nora Navas.

"Leo & Lou", o debut na longametraxe de Carlos Solano, coproducida por Frida Films e distribuida por Filmax, foi a película de inauguración do Just Film International Competition Programme, dentro da 29ª edición do Black Nights Film Festival de Tallinn. A cinta está nomeada a mellor música orixinal para Iván Palomares de la Encina.

Filmax estreou en cines o 26 de setembro "El tesoro de Barracuda", dirixida por Adrià García. A película tivo a súa premiere mundial no Festival de San Sebastián, no programa de estreas infantís, e está nomeada ao Goya a mellor película de animación.

Tamén optan a este galardón as longametraxes “Olivia y el terremoto invisible”, dirixida por Irene Iborra Rizo e distribuida por Filmax, e “Decorado”, dirixida por Alberto Vázquez e coproducida por Abano Producións.

Pola súa banda, a película “Rondallas”, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e producida por Mr. Fields and Friends, en cines desde o pasado 1 de xaneiro, opta a un premio Goya a mellor actor de reparto para Tamar Novas.

A gala de entrega da 40ª edición dos Premios Goya terá lugar o vindeiro sábado 28 de febreiro en Barcelona.