Cluster Audiovisual Galego

O programa da TVG “Cos pés na terra”, producido por Filmax, foi galardoado nos VI Premios Compromiso coa Igualdade no Desenvolvemento Rural

18-12-2025

O programa da Televisión de Galicia “Cos pés na terra” recibiu este mércores en Ciudad Real o premio Compromiso coa Igualdade no Desenvolvemento Rural, na categoría de Difusión. A Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer) promove estes premios anuais, cos que recoñecen o liderado feminino, o emprendemento e a igualdade no medio rural.

“Cos pés na terra”, producido pola nosa asociada Filmax, emítese desde hai máis dunha década na TVG, onde amosa homes e mulleres que elixen a vida no campo, e vivir da terra e da vida que esta lles proporciona. Son agricultores, gandeiras, artesáns, comerciantes de madeira, hostaleiras, entre outros, que cren firmemente que hai futuro no campo.

Pola súa contribución a visibilizar a vida e os proxectos desenvolvidos no rural a través do sector audiovisual, Afammer quixo salientar a traxectoria de “Cos pés na terra”, espazo que está dispoñible tamén na plataforma dixital AGalega.gal. O premio foi entregado polo alcalde de Ciudad Real. Recolleuno Susana Martínez de la Riva, xefa de Produción de Filmax.

Estes premios anuais da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural salientan o valor do futuro rural, a igualdade e o emprendemento e “serven para visibilizar e poñer en valor as iniciativas que son máis necesarias na contorna rural", incidindo na importancia de apoiar proxectos liderados por mulleres para combater a despoboación e xerar oportunidades.

Neste 2025, “Cos pés na terra” foi distinguido na antesala dos Premios Mestre Mateo cun premio especial ao impulso da sostibilidade polos seus máis de 200 programas divulgando a riqueza da vida rural.