Cluster Audiovisual Galego

Emma Lustres, Medalla de Ouro dos Premios Forqué 2025

16-12-2025

A nosa asociada, produtora e cofundadora de Vaca Films, Emma Lustres, resultou galardoada coa Medalla de Ouro nos premios Forqué 2025. O presidente de EGEDA, Enrique Cerezo, eloxiouna polo seu “gran talento” e por ser unha profesional “de raza”. “O teu nome forma parte xa da historia contemporánea do audiovisual do noso país”, sinalou.

Os Premios Forqué celebraron o seu 31 aniversario este sábado nunha gala que tivo lugar no Palacio Municipal de Ifema Madrid. Tras recoller o galardón, a produtora galega, visiblemente emocionada, reclamou un “apoio máis forte” por parte das institucións e gobernos, “para a industria audiovisual que permite mellorar a sociedade”.

Este recoñecemento únese a un longo historial de galardóns concedidos ás producións realizadas por Vaca Films, unha das produtoras independentes de ficción líderes en España, entre os que figuran dous Premios Forqué e as súas producións participaron en festivais internacionais como os de Venecia, Toronto, Berlín ou San Sebastián.

Así mesmo, Emma Lustres foi recoñecida con varias distincións, destacando a Medalla Castelao, condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no ámbito artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual.