O I+P, Ideas para Producir reúne a un cento de profesionais do audiovisual na Coruña en busca de acordos comerciais
O I+P, Ideas para Producir celebrou este venres, no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), a xornada central da súa 19ª edición coa presentación de 17 proxectos de cinema e televisión ante os decision makers de canles e plataformas. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego, este evento boutique reúne a máis de 150 persoas na Coruña, facilita alianzas creativas e comerciais, e promove a venda, financiación, distribución e coprodución de contidos audiovisuais.
A xornada de pitching arrincaba pola mañá coa apertura institucional, a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e a deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García.
Durante o acto, o presidente do Clúster puxo en valor este tipo de iniciativas tanto para o desenvolvemento como para o financiamento dos proxectos. Tamén destacou a grande acollida que ten cada ano este evento entre os profesionais do sector chegando á súa 19ª edición dunha maneira sólida e madura. E todo elo, dixo, “nun marco excepcional como é o Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o plató virtual con mellor equipamento técnico de España e líder da nova xeración de rodaxes inmersivas en Europa, e que é un exemplo destacado de colaboración público-privada e institucional no ámbito audiovisual”.
Jacobo Sutil destacou o papel do I+P, Ideas para Producir. “Está demostrado que este foro supón unha excelente oportunidade para que compañías e creadores do país poidan presentar a súas propostas nunha contorna especialmente coidada e co decidido apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude”.
Tamén fixo un balance positivo dun ano de presencia do audiovisual galego en festivais, rodaxes e mercados, e avanzou algunhas das cifras previstas para o próximo exercicio no relativo ás subvencións neste ámbito. “Desde o Goberno galego seguiremos apoiando ao sector en todas as fases de produción, para o cal xa está previsto un investimento de máis de 6,5 M€ en 2026”, afirmou.
A deputada provincial comezou a súa intervención recoñecendo ao I+P, Ideas para Producir como “un dos espazos máis importantes para o desenvolvemento e a proxección do noso sector audiovisual”. E continuou resaltando o marco no que se celebra, o Coruña Estudo Inmersivo, que “representa non só unha infraestrutura punteira, senón tamén unha maneira diferente de entender a produción audiovisual. Aquí conflúen o talento, a tecnoloxía e a visión de futuro, tres piares que están a transformar o noso sector e que abren novas oportunidades para Galicia nun panorama global cada vez máis competitivo”, sinalou.
Rosa Ana García lembrou que o CEI é unha realizade grazas á colaboración institucional, e destacou o compromiso da Deputación dá Coruña “para seguir traballando á beira do sector, escoitando as súas necesidades e impulsando proxectos que reforcen a súa sustentabilidade e profesionalización”.
Proxectos participantes
O I+P acolleu a presentación de 17 proxectos diante de representantes clave da industria: as longametraxes de ficción “Morre con estilo (Die with style)” (Avendaño Estudio), “Lobos e corderos” (Congo Producciones), “Casus Belli” (Mc Guffin Estudio Audiovisual), “#elreto” (Orlok Films) e “Todos están mortos” (Smiz and Pixel); as longas documentais “La ciudad más fría” (Filmakers Monkeys), “Rumbo ás estrelas” (Meteórica Cinema) e “Golpear a un coloso” (Recrea Films), así como a longametraxe de animación “Nora y la dama de Anboto” (Abano Producións).
El apartado de televisión contó con la participación de las series de ficción “Spectrus” (Arrivelo Producciones), “Galdra, jóvenes dragones” (Borboligón Filmes), “Paco Jones… Yo!” (Producións A Fonsagrada - Filmax) e “Jesús & Eva” (Tourmalet Films); as series de animación “Becho” (Artyc Content), “Jesterina” (Blend Studios) e “Lola, Porco & Paco” (Undodez), así como a docuserie “Incalculable” (Tamboura Films).
O I+P, Ideas para Producir é unha iniciativa do Clúster Audiovisual, que nesta edición contou co apoio da Deputación da Coruña e do Instituto Galego de Promoción Económica, e co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Tamén colaboraron con este foro as asociacións profesionais AGAG e CREA, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e as compañías Pedralonga Estudios, Music Library & SFX e Gadisa.
Panel de executivos
Entre os responsables de contidos que asisten ao I+P están o subdirector de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño; a delegada de Contidos de Atresmedia TV, Ana Belén Gómez; o representante do Departamento de Produción e desenvolvemento de proxectos de Atresmedia Cine, Anxo Soilám; a responsable de Análise de Contidos de Ficción de Mediaset España, Carmen Socías; a Proyect development de Telecinco Cinema, Blanca Pacheco; o subdirector do Departamento de Formatos e Contratación de Contidos da CSAG, Javier Lopo; a responsable do Servizo de Contidos de TVG, Montse Besada; a produtora executiva de Ficción e Cinema de 3cat, Esther Dueñas; a directora do Departamento de Promoción Audiovisual e Novos Proxectos de Aragón TV, Natalia Martínez.
Ao I+P tamén asisten Lara López, do departamento de Compra de Dereitos Audiovisuais de Cinema Español e Independente, e Ana Diez, executiva de Desenvolvemento de Series Orixinais de Movistar Plus+, o coordinador creativo unscripted e o director de estratexias de Prime Vídeo, Iván Aparicio e Joaquín Garralda; a representante do Departamento de Desenvolvemento HBO Max Local Original Production, Victoria dal Vera; o Head of Business Affairs, Original Production de Disney+, Javier Bermúdez de Castro; a directora de Programación e Adquisicións para as canles de ficción en AMC Networks International Southern Europe, Patricia Silva; a directora de Produción Local de Warner Bros. Discovery, Patricia Vázquez; o responsable de Distribución e Coproducións de Cinema Español de A Contracorriente Films, Fernando Riera. Por parte de Filmax, o director de Entretemento e Telefilms, Xavi Viza, e o xerente en Galicia, Jesús Vecino. Tamén están no I+P o Director de Contidos e Distribución de Kids & Family (DeAPlaneta), Carlos Biern; a directora de Márketing e vendas internacionais de Treeline Distribution, Elena Mera, así como a coordinadora de Contidos de Portocabo, Gloria García.
Todos eles mantiveron o venres pola tarde reunións de traballo cos responsables dos proxectos participantes co obxectivo de establecer contactos para posibles acordos comerciais.
Xornadas profesionais
A actividade enmarcouse nun programa profesional que comezou onte, xoves, cunhas xornadas nas que participaron máis de 50 profesionais entre representantes de canles e plataformas, distribuidores, produtores e referentes da industria audiovisual.
As xornadas ofreceron unha panorámica de cara a onde avanza a industria en canto a novas tecnoloxías aplicadas á rodaxe, vías de financiamento e as liñas editoriais de televisións e plataformas.
Da man de José Manuel Deus, director xeral de Pedralonga Estudios, os asistentes puideron coñecer o funcionamento do CEI, o novo estudio virtual que se atopa entre os máis avanzados de Europa, e que foi posto en marcha co apoio da Deputación dá Coruña e do Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A continuación, o debate puxo o foco no terreo do financiamento, nun momento onde os equity funds gañan protagonismo. Moderada pola presidenta de Pedralonga Estudios, Fernanda Tabarés, a mesa achegou ás produtoras estes instrumentos, da man dos expertos Francisco Asensi, asesor senior para industria audiovisual da SEDIA (Ministerio para a Transformación Dixital); Miguel Rodríguez, socio de Culture CAP7 Fund, e Alexandra Lebret, socia de Axio Capital, a sociedade xestora de Together Fund. Entre todos analizaron os marcos xurídicos máis estables, que modelos de investimento están a funcionar en Europa e como mellorar a visibilidade das producións españolas ante investidores internacionais.
O programa pechárono Xaime Arias, director de Proxección Social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), quen fixo un repaso polos 40 anos de historia das series na canle autonómica, e Susana Herreras, responsable de Series Orixinais en Movistar Plus+, quen explicou a liña editorial da súa compañía na busca de mantérense como referente das series de calidade españolas e chegar a novas audiencias.
