Cluster Audiovisual Galego

O Clúster audiovisual galego organiza unhas xornadas centradas nas posibilidades do novo estudio virtual, o financiamento no sector e a produción de contidos en canles e plataformas

24-11-2025

O Clúster Audiovisual Galego organiza, o xoves 27 de novembro na Coruña, unhas xornadas profesionais nas que se darán a coñecer as funcionalidades do novo estudio virtual Coruña Estudio Inmersivo (CEI), analizaranse os aspectos clave dos fondos de investimento equity funds como instrumento de impulso do sector audiovisual independente e debullaranse as estratexias na produción de contidos de televisións e plataformas, como a TVG e Movistar Plus+. 

Estas xornadas, que contan co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o apoio do Instituto Galego de Promoción Económica e a colaboración de Pedralonga Estudios, celebraranse no marco do I+P, Ideas para Producir 2025. Un evento boutique de referencia para a industria audiovisual que reunirá esta semana na Coruña ás principais canles de televisión e plataformas, e que supón unha excelente oportunidade para a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos para cinema e televisión. 

Os socios do Clúster Audiovisual Galego interesados poderán asistir ás xornadas na tarde do xoves 27, no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), previa inscrición (ata o 26 de novembro) nesta ligazón. 

Programa das Xornadas 

As xornadas darán comezo co acto de benvida, a cargo de Alfonso Blanco, presidente do Clúster Audiovisual Galego, e continuarán co primeiro dos paneis da tarde sobre “Funcionalidades do plató virtual”. O director xeral de Pedralonga Estudios, José Manuel Deus, explicará aos asistentes as vantaxes de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o estudio virtual con mellor equipamento técnico de España e líder da nova xeración de rodaxes inmersivas en Europa. “A súa aposta pola produción virtual e as contornas inmersivas reforzan a posición do CEI ante produtores que buscan eficiencia, flexibilidade creativa e optimización de custos loxísticos”, segundo Deus.  

As xornadas continuarán cunha mesa redonda sobre “Aspectos clave dos equity fund no sector audiovisual independente”, coa participación de Francisco Asensi, asesor senior para industria audiovisual na SEDIA-Ministerio para a Transformación Dixital; Miguel Rodríguez, socio de Culture CAP7 Fund, e Alexandra Lebret, socia de Axio Capital (entidade xestora de Together Fund). A moderación correrá a cargo de Fernanda Tabarés, presidenta de Pedralonga Estudos. 

Esta sesión ten como obxectivo profundar nas posibilidades de financiamento público e privado que están ao dispor das empresas produtoras, ademais de transmitir seguridade xurídica ao redor do investimento en producións nacionais e internacionais, e achegar estes instrumentos aos profesionais do sector. 

Tras a intervención dos relatores abrirase unha quenda de debate con posibilidade de preguntas dos asistentes ás xornadas, entre os que estarán os decision makers das canles e plataformas que participan na edición deste ano do I+P, os profesionais acreditados no pitching, e os socios do Clúster. 

Despois do debate, desenvolverase o terceiro e último panel da tarde baixo o título “Estratexias de éxito na produción de contidos”, que inclúe a celebración de dúas keynotes. A primeira: “Keynote TVG”, realizaraa o director de Proxección Social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), Xaime Arias, mentres que a “Keynote Movistar Plus+” correrá a cargo da responsable de Series Orixinais nesta plataforma, Susana Herreras. Ambos os profesionais presentarán a estratexia de contidos das súas respectivas compañías e o seu compromiso co sector audiovisual.

__________________________________________________________________________

 Sobre a SETT-Fondo Spain Audiovisual Hub, Culture CAP7 Fund e Together Fund

 

A Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) é unha entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e de Función Pública. O seu funcionamento como entidade xestora de investimentos específicos a través de capitalizacións e préstamos convértea nun actor xerador de oportunidades de investimento, unha panca pública para oportunidades de negocio en sectores como o Audiovisual xa que executa, entre outros fondos, o Fondo Spain Audiovisual Hub, un instrumento de implementación dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España procedentes do Fondo Next Generation da Unión Europea. O plan Spain Audiovisual Hub dispón dun orzamento de 1.712 millóns de euros proporcionando financiamento e investimentos en capital e case capital, directamente ou a través de intermediarios que realicen actividades similares. 

Culture CAP7 Fund é un fondo de investimento regulado dedicado a impulsar o sector cultural e audiovisual español. Xestionado por BlackPearl Capital Management e apoiado por capital público e privado -incluíndo un investimento de 44 millóns de euros da SETT e apoio do Fondo Europeo de Investimentos-, o fondo busca fortalecer a industria mediante investimento tanto en produtoras audiovisuais e culturais como en empresas auxiliares asociadas ao sector, talento e localizacións para gravacións. O seu obxectivo é xerar crecemento sostible, profesionalizar o sector e consolidar a España como un hub audiovisual europeo, actuando non só como financiador de contidos, senón como motor de desenvolvemento empresarial e económico dentro do ecosistema audiovisual. 

Together Fund (TGT) é un fondo francés xestionado por Axio Capital e orientado ao impulso do sector audiovisual europeo independente. Together Fund conta cun capital inicial de 58 millóns de euros, dos que case a metade, 25, proceden do Fondo Europeo de Investimentos (FEI). Trátase dunha iniciativa xestionada por Antoine Bodet, socio da firma de capital privado Axio Capital, e Alexandra Lebret, quen durante máis de 20 anos foi directora xeral de European Producers Club (EPC), e desde o pasado mes de xaneiro é socia de Axio Capital. O obxectivo de Together Fund é impulsar o crecemento das produtoras europeas independentes, reforzando precisamente a súa independencia para facer fronte aos grandes grupos audiovisuais. Este fondo ten a vista posta no longo prazo e pretende crear un sector europeo da produción máis estruturado e forte, capaz de competir a gran escala.