Cluster Audiovisual Galego

“Bibopalula” será distribuída internacionalmente por Digitoonz Spain

30-10-2025

A expansión internacional de “Bibopalula” dá un novo paso adiante. A serie preescolar creada por Laura Mahía e Andrés Mahía e producida por Undodez en coprodución coa Televisión de Galicia será distribuída a nivel global por Digitoonz Spain, a filial europea do estudo indio Digitoonz Media & Entertainment, unha compañía con ampla traxectoria no mercado internacional de contidos infantís.

O acordo, anunciado no marco previo ao mercado de animación MIFA 2025, consolida a presenza internacional de “Bibopalula” e abre novas portas á animación galega no contexto global. A serie, composta por 55 episodios de 5 minutos, narra as aventuras da Banda do Bosque, un grupo de catro paxariños que descubren o valor da amizade, a empatía e o respecto pola natureza a través da música. Cada capítulo culmina cunha canción orixinal, que reforza o seu carácter educativo e musical.

A distribución internacional estará incluída dentro da estratexia global da compañía, que trata de impulsar contidos con identidade local e proxección internacional. A produtora destaca en “Bibopalula” unha proposta fresca, inclusiva e musical, con capacidade para conectar co público infantil en diferentes linguas e plataformas, consolidándoa como un activo clave dentro da súa liña internacional.

O acordo reforza o posicionamento de “Bibopalula” como un produto diferencial no contido preescolar, e pon en valor a súa combinación de humor, emoción e eduación ambiental, así como o seu potencial para acadar novos mercados en canles públicos, espazos educativos e plataformas dixitais de todo o mundo.

Estreada en novembro de 2024 en Xabarín.gal, a plataforma infantil da TVG, “Bibopalula” é a primeira serie musical de animación en galego. Desde entón, vén desenvolvendo un universo transmedia que inclúe un libro infantil, espectáculos en vivo, e presenza en plataformas dixitais como Spotify e YouTube. Este acordo con Digitoonz marca un novo fito na expansión internacional do proxecto e reafirma o compromiso de Undodez coa proxección exterior da animación feita en Galicia.