A 19ª edición do I+P, Ideas para Producir, organizada polo Clúster Audiovisual Galego e que se celebrará os días 27 e 28 de novembro no espazo Coruña Estudio Inmersivo - CEI, acollerá a presentación de 18 proxectos de cine e televisión.
Os títulos dos proxectos participantes foron seleccionados entre os case 200 rexistrados no I+P 2025. Este evento boutique que cada ano reúne ás principais canles e plataformas do panorama audiovisual actual, continúa batendo récords de inscricións e espertando un grande interese entre os profesionais da industria española.
Tras ser analizados polo Comité de Selección, que nesta edición estivo conformado por tres excelentes profesionais: Alberto Guntín, guionista e creador; Irene Pin, guionista e directora, e Gaspar Broullón, produtor en Ollovivo, finalmente serán 18 proxectos de cine e televisión os que se presentarán no novo plató virtual da cidade herculina.
A selección de proxectos presenta unha ampla diversidade de traballos, que á súa vez se encontran en diferentes fases de desenvolvemento, e inclúe longametraxes e series de ficción, animación e documentais.
As presentacións dos proxectos e os encontros one to one entre as televisións, plataformas e distribuidoras e os produtores e creadores terán lugar o venres 28 de novembro. Os traballos serán expostos diante dun auditorio conformado por decission makers de RTVE, Atresmedia, Mediaset España, Movistar Plus+, Amazon Prime Video, HBO Max, Disney+, AMC Networks, Warner Bros. Discovery, CSAG, 3Cat, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente, DeAPlaneta, Treeline Distribution ou Portocabo.
Proxectos participantes no I+P, Ideas para Producir 2025
Na 19ª edición do I+P presentaranse as longametraxes de ficción “Muere con estilo (Die with style)” (Avendaño Estudio), “Lobos y corderos” (Congo Producciones), “Casus Belli” (Mc Guffin Estudio Audiovisual), “#elreto” (Orlok Films) e “Todos están muertos” (Smiz and Pixel); as longas documentais “La ciudad más fría” (Filmakers Monkeys), “Rumbo ás estrelas” (Meteórica Cine), “Mary Quintero, más de 90 años de creatividad” (Producciones Vigo) e “Golpear a un coloso” (Recrea Films), así como a longametraxe de animación “Nora y la dama del Anboto” (Abano Producións).
O apartado de televisión contará coa participación das series de ficción “Spectrus” (Arrivelo Producciones), “Galdra - Jóvenes dragones” (Borboligón Filmes), “Paco Jones… Yo!” (Producións A Fonsagrada - Filmax) e “Jesús & Eva” (Tourmalet Films); as series de animación “Becho” (Artyc Content), “Jesterina” (Blend Studios) e “Lola, Porco & Paco” (Undodez), así como a docuserie “Incalculable” (Tamboura Films).
Neste 2025 o I+P, Ideas para Producir conta co apoio da Deputación da Coruña e do Instituto Galego de Promoción Económica. Conta tamén co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e coa colaboración das compañías Pedralonga Estudios, Music Library & SFX e Gadis, das asociacións profesionais AGAG e CREA, e do máster MPXA.
