Novo premio internacional para a película “Decorado”, desta volta no prestixioso festival “Animation is film”
O filme “Decorado”, dirixido por Alberto Vázquez, coproducido pola nosa asociada Abano e apoiado pola Corporacion de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), acaba de recibir un novo recoñecemento internacional, o Premio Especial do Xurado no “Animation is Film”, o prestixioso festival estadounidense que vén de celebrarse en Os Ánxeles (California), posicionado como un dos encontros de animación máis importantes a escala global.
Este é o segundo recoñecemento estadounidense que “Decorado” recibe en menos dun mes, xa que obtivo unha mención especial tras a súa estrea mundial no Fantastic Fest, un dos festivais do xénero máis importantes do mundo, que se celebrou en Austin (Texas, EUA).
Alberto Vázquez, responsable de éxitos como “Birdboy”, “Psiconautas” e “Unicorn Wars” e gañador de catro Premios Goya, asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das nosas certezas. A cinta combina sátira, surrealismo e humor negro, cun enfoque mordaz sobre a existencia humana.
O protagonista de “Decorado” é un cidadán aparentemente corrente que comeza a sospeitar que todo ao seu arredor -o seu traballo, a súa parella, a súa cidade- forma parte dunha xigantesca farsa. O que parece unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.