Cluster Audiovisual Galego

TVG estrea este martes a súa nova serie, “O home perfecto”, producida por Voz Audiovisual

20-10-2025

Televisión de Galicia estrea este martes 21 en horario de prime time, ás 21:45 horas, a súa nova serie de ficción, “O home perfecto”, unha historia emocionante de segundas oportunidades e enganos sentimentais. 

“O home perfecto” está inspirada en casos reais dos denominados ‘estafadores do amor’, que aproveitan a vulnerabilidade emocional das vítimas para manipulalas e pedirlles cartos baixo falsas escusas. A serie foi presentada recentemente no Ourense Film Festival (OUFF) e componse de 13 capítulos, cada un deles impregnado de tensión, misterio e intriga. 

No elenco, intérpretes moi recoñecidos do panorama galego, como Adrián Castiñeiras, Desiré Pillado, Xabier Fonseca, Tito Asorey, Carlos Villarino, Andrea Varela, Marta Doviro, Patricia Torres, Trisha Fernández e María Costas, entre outros. “O home perfecto” está dirixida por Giselle Llanio e Lucía Estévez, e producida pola nosa asociada Voz Audiovisual para a TVG. 

A trama de “O home perfecto”, que transcorre en coñecidas localizacións da cidade da Coruña e Sada, segue as vidas de Rebeca (interpretada por Alba Loureiro), de 35 anos, e Luísa (Elena Seijo), de 70, dúas mulleres de xeracións diferentes que, sen sabelo, buscan unha segunda oportunidade tras vidas marcadas pola dor e caen baixo o engano do mesmo home. El preséntase como Gus para unha e Leo para a outra: encantador, sensible e aparentemente o home perfecto. Pero todo é mentira. Tras gañar a súa confianza e os seus afectos, o home desaparece cos seus aforros e ilusións, deixando tras de si un rastro de vítimas e decepcións.