Cluster Audiovisual Galego

“Golpes”, de Vaca Films, terá a súa estrea mundial na Seminci de Valladolid, onde competirá pola Espiga de Ouro

17-10-2025

“Golpes”, a primeira longametraxe como director de Rafael Cobos, formará parte da Sección Oficial da 70ª edición da Semana Internacional de Cinema de Valladolid (Seminci), onde terá lugar a súa estrea mundial. A película, producida pola nosa asociada Vaca Films e que competirá pola Espiga de Ouro xunto aos últimos traballos dos irmáns Dardenne, Bi Gan, Lav Díaz, Isabel Coixet ou Fernando Franco, supón o prometedor debut na dirección de longametraxes do guionista e creador Rafael Cobos, gañador de dous premios Goya por “La isla mínima” e “El hombre de las mil caras”, dous dos proxectos froito da súa colaboración co director Alberto Rodríguez.

“Golpes” narra a historia de Migueli, un delincuente que sae de prisión na cambiante España de inicios dos anos 80. Decidido a mirar cara ao futuro, antes debe pechar as feridas do pasado. Para iso necesita moito diñeiro e necesítao rápido. Cando chega a Sevilla, reúne á súa antiga banda para realizar unha serie de atracos a sucursais bancarias, xoierías e mesmo ao primeiro casino da zona. Pero a policía encargou o caso a Sabino, o seu propio irmán, que coñece moi ben como pensa. A pesar diso, Migueli está disposto a chegar ata o final.

A película apela á memoria histórica e a memoria cinematográfica. Combina así a vertixe e a denuncia do cinema quinqui dos 80 cunha reflexión sobre os lazos familiares e o retrato dun país que se afanaba en curar vellas feridas mentres se abrazaba á esperanza. Segundo as palabras de Rafael Cobos, “Golpes” aposta por revitalizar este tipo de cinema, profundando na súa esencia, pero buscando a diferenza. “Se o cinema quinqui é frontal, explícito e fala das cousas dun modo evidente e descarnado, ‘Golpes’ é unha fábula sutil que pretende falar dun país en plena transición, contraditorio, desorientado e incapaz de axustar contas co seu pasado; un thriller de roubos sobre os lazos de sangue e a memoria”, explica o director.

Luis Tosar e Jesús Carroza participan no xogo de policías e ladróns

A película está protagonizada por Luis Tosar (gañador do Goya por “Los lunes al sol”, “Te doy mis ojos” e “Celda 211”), quen interpreta a Sabino, o irmán policía; e Jesús Carroza (Goya ao mellor actor revelación por “7 vírgenes”), que dá vida a Migueli, o outro irmán. Completan a repartición Teresa Garzón (“Las noches de Tefía”), Cristina Alcázar, Carlos Bernardino, Antonio Estrada, Mafo e Cristalino.

Ademais de tomar as rendas da dirección, Rafael Cobos escribiu o guión xunto a Fernando Navarro (Segundo premio, Verónica), dúas veces nomeado ao Goya. No equipo técnico destacan Sergi Vilanova Claudín na dirección de fotografía, Gigia Pellegrini en dirección de arte, e Bronquio na composición da música orixinal.

“Golpes” é unha produción de Borja Pena e Emma Lustres para Vaca Films, e Daniel Pérez Astiárraga para Grupo Tranquilo, en coprodución con Playtime (Francia), coa participación de Movistar Plus+, RTVE, Canal Sur e Canal + Francia, e o apoio do ICAA-Ministerio de Cultura, a Junta de Andalucía e o Programa Europa Creativa da Unión Europea.

Con esta produción, Vaca Films engade un novo thriller ao seu amplo catálogo dentro do xénero, que inclúe películas destacadas como “Celda 211”, “El niño”, “El desconocido”, “Cien años de perdón”, “Quien a hierro mata” e “Hasta el cielo”.

A película, que se rodou durante sete semanas en localizacións de Sevilla e Huelva, está distribuída en cinemas por A Contracorriente Films.