Cluster Audiovisual Galego

Alberto Vázquez presenta na Coruña a súa nova película, “Decorado”, producida por Abano, tras o seu paso polo Festival de Sitges

15-10-2025

O ilustrador e cineasta coruñés Alberto Vázquez, gañador de catro premios Goya, presentou este martes na Coruña a súa nova longametraxe de animación, “Decorado”, producida por Abano.

“Decorado” é “unha fábula sobre o sentido da vida e a dignidade humana”, segundo definiu o autor, protagonizada por un rato zurrado por unha crise existencial que emprende “unha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade”.

A película tivo a súa premiere nacional no Festival de Sitges, despois da súa estrea mundial no Fantastic Fest de Austin (Estados Unidos), onde recibiu unha Mención Especial do Xurado, e o seu pase polo BFI de Londres. En Sitges contou con grande éxito de público e moi boas críticas. Os dous pases no festival colgaron o “non hai entradas” enchendo así a sala do Auditorio, a maior sala de Sitges, con 1.500 localidades.

O filme, producido por catro compañías de Galicia, Euskadi, Estremadura e Portugal (nosa asociada Abano, Uniko, The Glow e Sardinha em Lata, respectivamente), chegará aos cinemas o 24 de outubro.

A produtora executiva do filme, Chelo Loureiro, mostrouse satisfeita coa “boa acollida internacional” do proxecto, o terceiro do director galego tras “Birdboy: The Forgotten Children” e “Unicorn Wars”.

“Eu agradezo moito que non me teña que ir vivir a Luxemburgo ou a Francia, que é onde se fan moitas pelis”, celebrou o director, que adiantou que a película “é moi galega, non só polo financiamento (participan Agadic e TVG), senón polo sentido do humor, o sarcasmo, a retranca; ao final eu son galego, escribo e falo como a xente de aquí, e veredes certas cousas, algún personaxe moi propio, de acento coruñés, e sorpresas que se relacionan moito con Galicia”.

A prestixiosa distribuidora Le Pacte encargarase das vendas internacionais do filme. O proxecto conta co respaldo de RTVE, ETB, TVG, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Gobierno Vasco e a Deputación Foral de Bizkaia.