Cluster Audiovisual Galego

Coruña Estudio Inmersivo (CEI) preséntase en Iberseries como un referente europeo en innovación audiovisual

02-10-2025

No marco de Iberseries & Platino Industria, o encontro profesional que se celebra do 30 de setembro ao 3 de outubro en Matadero Madrid, Pedralonga Estudios e Coruña Estudio Inmersivo (CEI) protagonizaron unha sesión de networking esta mañá que incluíu a presentación das instalacións do que é un dos estudios virtuais máis avanzados tecnoloxicamente de Europa.

Baixo o título “Innovación e eficiencia: descobre o futuro da produción de contidos”, o encontro contou coa participación de Rosa Ana García, deputada de Emprego, Industria, Medio Ambiente e Política Demográfica da Deputación da Coruña; Miguel Ovelleiro, subdirector xeral de Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial; Alfonso Blanco, presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG); e José Manuel Deus, director xeral de Pedralonga Estudios.

A presentación, que contou coa participación de máis de medio centenar de profesionais españois así como produtores de Francia, Alemaña, Estados Unidos e Portugal ademais da prensa especializada global, desenvolveuse nunha contorna exclusivamente profesional.

CEI está chamado a marcar un fito na produción audiovisual española pola súa avanzada infraestrutura tecnolóxica. Entre os seus principais atractivos atópase un estudio virtual de 750 m² equipado cunha LED wall semicircular de 28 m de ancho por 6 m de alto e resolución 4K con 1,9 pixel pitch, que permite optimizar custos e ampliar as posibilidades creativas para producións nacionais e internacionais.

Situado na Cidade das TIC da Coruña, CEI supuxo un investimento próximo aos nove millóns de euros, impulsada pola Deputación da Coruña, o Clúster Audiovisual Galego, e apoiada polo Goberno de España mediante os Fondos Next Generation EU. A xestión do centro está a cargo de Pedralonga Estudios S.L., sociedade creada en 2024 que agrupa ao CLAG, a Universidade da Coruña e un grupo de dez destacadas empresas audiovisuais galegas.

Sobre Pedralonga Estudios

Pedralonga Estudios é o novo gran hub audiovisual de Galicia, cuxa apertura está prevista para 2026. Nace dunha alianza estratéxica público-privada que reúne ás principais produtoras da rexión, o Clúster Audiovisual Galego e a Universidade da Coruña, co respaldo da Xunta de Galicia a través do IGAPE. Con máis de 5.500 m², o complexo inclúe dous estudios de 2.500 e 2.000 m² (entre os maiores de España), ademais de oficinas, camerinos, vestiarios e zonas técnicas que suman 1.500 m² adicionais, configurando un espazo de referencia para a produción audiovisual avanzada.

Sobre Coruña Estudio Inmersivo (CEI)

Coruña Estudio Inmersivo (CEI) é o maior centro de produción virtual de España e un dos máis innovadores de Europa. Situado na Cidade das TIC da Coruña e xestionado por Pedralonga Estudios, dispón de 2.000 m² de superficie total equipados con tecnoloxía inmersiva de última xeración capaz de recrear escenarios hiperrealistas que impulsan tanto á industria audiovisual nacional como internacional. O proxecto foi cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Goberno de España mediante os Fondos Next Generation EU.