Cluster Audiovisual Galego

Empresas confirmadas para o I+P, Ideas para Producir 2025

22-09-2025

Moitas das televisións, plataformas e distribuidoras das máis importantes do panorama audiovisual actual xa confirmaron a súa participación na 19ª edición del I+P, Ideas para Producir.       

Entre as primeiras empresas confirmadas están RTVE, Atresmedia, Mediaset España, Movistar Plus+, Prime Video & Amazon Studios, AMC Networks, TVG, TV3, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente Films, Beta Fiction Spain ou Treeline Distribution

Este panel de expertos viaxará a Galicia en busca de novas ideas e produtos audiovisuais no I+P, evento que organiza o Clúster Audiovisual Galego e que se celebrará os vindeiros días 27 e 28 de novembro nun escenario moi especial: o Coruña Estudio Inmersivo-CEI, o plató virtual máis avanzado de España e un dos máis vangardistas de Europa. 

Así, o I+P 2025 reunirá a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, plataformas e distribuidoras. 

Rexistro de proxectos 

A xornada de presentación dos proxectos audiovisuais e encontros one-to-one terá lugar o 28 de novembro. As produtoras e os creadores interesados en participar aínda poden rexistrar as súas propostas ata as 14:00 horas do 30 de setembro. Para elo teñen que enviar o formulario online que está dispoñible na páxina web do Clúster. 

O I+P contará cun comité de selección de proxectos formado por tres profesionais da industria audiovisual con traballos recoñecidos polo gran público. En novembro a organización comunicará aos seus responsables os traballos seleccionados para participar no pitching. 

A 19ª edición do I+P, Ideas para Producir conta co apoio da Deputación da Coruña e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia. Conta tamén coa colaboración da compañía Pedralonga Estudios, das asociacións profesionais AGAG e CREA e do máster MPXA, e co patrocinio de Music Library & SFX e Gadisa.