Cluster Audiovisual Galego

Pedralonga Estudios e Coruña Estudio Inmersivo preséntanse ante a industria durante o Festival de San Sebastián

21-09-2025

Pedralonga Estudios aproveitou o Festival de San Sebastián, un dos eventos cinematográficos máis prestixiosos a nivel internacional, para celebrar este mediodía o lanzamento e inicio de operacións de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o estudio virtual con mellor equipamento técnico de España e líder da nova xeración de rodaxes inmersivas en Europa. 

O acto, celebrado no hotel María Cristina e conducido pola presidenta de Pedralonga Estudos, Fernanda Tabarés, contou coa presenza de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Alfonso Blanco, presidente do Clúster Audiovisual Galego, poñendo así en valor a alianza entre institucións públicas e o sector privado que impulsou o proxecto. 

Na súa intervención, González Formoso destacou a importancia de CEI como “unha infraestrutura que conecta dous sectores crave para o futuro de Galicia: o audiovisual e o tecnolóxico", sinalando que este proxecto reforzará a capacidade da rexión para atraer producións nacionais e internacionais. Así mesmo, resaltou o modelo de colaboración público-privada que fixo posible este centro de produción de última xeración: cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Goberno de España a través dos Fondos Next Generation UE, CEI está xestionado por Pedralonga Estudios S.L., sociedade constituída en 2024 polo CLAG, a Universidade da Coruña e dez destacadas empresas galegas. 

Antes desta intervención, proxectouse un breve saúdo en formato vídeo remitido por Jesús Herrero, director xeral de Red.es, no que salientaba a importancia “que ten para nós compartir o inicio de operacións de CEI, non só pola contribución de cinco millóns de euros para facer realidade este proxecto, senón porque supón un gran exemplo de colaboración público-privada para impulsar a industria audiovisual. A revolución da produción virtual xa non é unha promesa do futuro, é unha realidade grazas a proxectos como este”.  

Como representante do sector audiovisual galego, Blanco manifestou que o impulso desta infraestrutura de vangarda beneficiará a toda a industria nacional de rodaxes e service de produción. “Pedralonga EstudIos e CEI completan un cóctel perfecto que sitúa a Galicia como o destino de rodaxe ideal”, ofrecendo outros atractivos como os seus máis de 30 anos de traxectoria, produtoras posicionadas no panorama internacional, talento técnico e artístico de primeiro nivel, diversidade paisaxística incomparable, ou axudas públicas que facilitan a coprodución e fomentan a atracción de rodaxes. 

Pola súa banda, a presidenta de Pedralonga EstudIos deu a coñecer as vantaxes competitivas de CEI: “conta cunha extensión total superior a 2.000 m² na que atopamos o estudio virtual de 750 m² cunha led wall de 28 x 6 metros e 1,9 pixel pitch de definición”, recursos técnicos cos que o centro aspira a posicionarse á vangarda da produción virtual europea. A esta infraestrutura sumaranse ao longo de 2026 os dous platós de 2.500 e 2.000 m² actualmente en construción, concibidos para atender a produción audiovisual de maneira integral coa súa dotación de instalacións adicionais. “O noso obxectivo compartido é ofrecer a última tecnoloxía ao servizo da creatividade e a industria a prezos competitivos”. 

Antes de concluír a presentación, Tabarés deu a palabra brevemente a José Manuel Deus, director xeral de Pedralonga EstudIos, quen se ofreceu a resolver dúbidas e facilitar máis detalles sobre os estudios de rodaxe durante o aperitivo de networking posterior organizado para os máis de cen convidados ao acto entre profesionais, xornalistas, representantes institucionais e referentes da industria cinematográfica.