Voz Audiovisual presentará no OUFF “Pensión Incompleta”, tralo seu paso polo FesTVal de Victoria-Gasteiz
O Ourense Film Festival (OUFF) estreará nesta edición un novo apartado orientado a dar visibilidade aos proxectos con selo galego que xa están en proceso de desenvolvemento. Xanela, que é como se denomina esta nova sección, ten como obxectivo apoiar a cineastas e produtores de Galicia, mostrando o traballo que están a facer e promovendo o intercambio de ideas. O espazo Ceres 1894 acollerá as tres citas programadas neste epígrafe que terá lugar os días 30 de setembro, e 2 e 4 de outubro.
O 2 de outubro, ao mediodía, será a quenda de “Pensión Incompleta”, producida pola ourensá Fernanda Tabarés e coproducida por EITB, 3Cat e TVG xunto coa nosa asociada Voz Audiovisual. A serie presenta unha trama que mestura humor e misterio en torno ao roubo de dúas obras culturais en Euskadi e Cataluña. Dous axentes que se infiltran como pai e filla nunha excursión por Galicia para resolver o caso protagonizan esta produción que se emitirá en TVG.
Presentación no FesTVal
Ademais, o FesTVal de Vitoria-Gasteiz acolleu a presentación da serie, un proxecto de ficción inédito no panorama audiovisual español xa que se trata da primeira serie que se gravará nas catro linguas cooficiais do Estado. Galego, eúscaro, catalán e castelán convivirá nos diálogos dos personaxes desta produción que empezará a rodarse proximamente e ten previsto a súa estrea para o 2026.
Trátase dunha serie coral que confirmou no seu elenco a actores como Ane Gabarain e Joseba Apaolaza.
A serie ten como punto de partida a un grupo de aparentemente entrañables viaxeiros do Imserso que da noite para a mañá se converten nos principais sospeitosos da desaparición de obras de arte. Entre o elenco de actores e actrices están Ane Gabarain e Joseba Apaolaza. Será unha serie coral, para todos os públicos e chegará ás pantallas destes tres territorios en 2026.
A serie constará de seis capítulos de 45 minutos cada un. Arrinca con dous roubos de obras de arte que se producen en Cataluña e no País Vasco. Entre ambos existe un só nexo en común: a presenza en ambos os lugares dun grupo de xubilados, o que apunta a que o ladrón ten que estar entre eles.
Un ertzaina que está a piques de retirarse e unha mossa d'esquadra moi estrita infiltraranse na seguinte excursión que ten previsto realizar este grupo e que reunirá personaxes cataláns, vascos e galegos. O seu próximo destino será Galicia, onde transcorrerá gran parte da serie. Os viaxeiros levarán a cabo diferentes excursións turísticas que permitirán mostrar na pantalla diferentes localizacións emblemáticas da comunidade, entre elas Muxía e Santiago.
Nesta innovadora serie os personaxes falarán entre si cada un no seu idioma natal, coas súas propias características e peculiaridades, mentres que o castelán empregarase cando o grupo estea todo xunto.
Os encargados dos guións serán Sergio Campo, por parte de ETB; Lida Fraga, libretista galega, e Mercé Sarrias, por parte de TV3.