A serie de animación infantil “Pipo” xa pode verse en Xabarin.gal
Xabarin.gal vén de estrear “Pipo”, unha nova proposta de entretemento infantil producida en Galicia e en galego. A plataforma de contidos da CSAG para as máis pequenas e pequenos emite esta nova serie, logo dun evento de estrea que tivo lugar o pasado mércores no festival Castelo Conta, celebrado en Culleredo.
Andrés Mahía e Laura Mahía, creadores tamén de “Bibopalula”, a primeira serie musical de animación en galego, están detrás da idea orixinal de “Pipo”, unha proposta pensada para nenas e nenos de entre 5 e 8 anos, producida pola nosa asociada Undodez para a Televisión de Galicia e que consta de 10 capítulos na súa primeira temporada.
A serie, a cuxos personaxes lles poñen voz nomes como Lidia Veiga, Oswaldo Digón ou Lucía Veiga, conta con Santi Jul e Iván Laxe a cargo do deseño sonoro e con Laura Pazienza Signo como directora de produción.
“Pipo” conta a historia de Berta, unha rapaza de seis anos que vive coa súa nai e co seu irmán pequeno, un cativo de ano e medio que aínda non anda nin fala e ao que chama sempre Mocos. O primeiro día do novo curso escolar, Berta descobre no patio traseiro a Pipo, un extraterrestre que caeu do ceo. Pipo intégrase na familia e vai descubrindo con sorpresa e curiosidade todos os hábitos dos humanos: desde lavar os dentes e ata pelar as laranxas. A vida de Berta convértese así no escenario dunha aventura permanente.