Cluster Audiovisual Galego

A curtametraxe “Ulises” e o documental “Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego”, estreas desta semana en AGalega.gal

30-07-2025

A plataforma AGalega.gal apura o mes de xullo con novas estreas, como a curtametraxe galega “Ulises”, que se pode ver desde mércores. Nela, os espectadores poderán ver como, nunha pequena e illada casa dunha zona montañosa, Loto coida do seu irmán Ulises, que padece un grave trastorno psicomotor que lle dificulta os desprazamentos. Están completamente sós e a actividade diaria de Loto é protexer o seu irmán mentres intenta sobrevivir.

Xa o venres 1 de agosto, chegará á canle dixital dos medios públicos “Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego”, un documental que descobre un capítulo intrigante e a miúdo esquecido da historia de Galicia: as incursións que os viquingos fixeron no norte peninsular desde o século IX ata o século XII, que puxeron en xaque reinos cristiáns e musulmáns coa súa chegada á Península Ibérica e co seu impacto cultural e estratéxico.

O catálogo cinematográfico de AGalega.gal tamén se amplía estes días con dúas novas películas: “Esperanza” (martes 29), un drama en que un diagnóstico terminal pon a proba o amor esquecido de Anja e Tomas, e “Amanda” (xoves 31), que amosa como un atentado cambia a vida de David do presente sen ataduras á responsabilidade familiar. Ambas as dúas estarán dispoñibles durante 30 días.

Ademais, desde este luns, os usuarios da plataforma poden gozar dos capítulos finais da serie “Lume”, unha produción da nosa asociada Setemedia na que a súa protagonista, Lucía, destapa a trama dos incendios.