"Leo & Lou", a ópera prima de Carlos Solano, estrearase o 7 de novembro en cinemas
"Leo & Lou", o debut na longametraxe de Carlos Solano, chegará o 7 de novembro de 2025 aos cinemas, da man de Filmax.
A película, unha entrañable e divertida feel-good movie para todos os públicos coproducida pola nosa asociada Frida Films, está protagonizada por Isak Férriz (El cuerpo en llamas) e a debutante Julia Sulleiro. Completan o reparto Manuel Manquiña (Airbag) e Marta Larralde (Olympo), e conta coas colaboracións especiais de María Pujalte (Vota Juan) e Maggie Civantos (Cara a cara).
Rodada en diversas localizacións de Galicia, e escrita por Carlos Camba Tomé e Carlos Solano, “Leo & Lou” combina humor e emotividade nunha aventura que transformará tanto aos seus protagonistas como aos espectadores.
Sinopse
Con apenas 10 anos, Leo fóxese dun centro de acollida. No seu camiño crúzase con Lou, un tipo gruñón, experto en meterse en leas. Lou cre que lle fai un favor levándoa de volta a casa, pero Leo converteuno, sen sabelo, no seu compañeiro de fuga rumbo a unha competición de pesca. Así comeza a viaxe desta peculiar parella: unha nena que non fala e un home que non quere escoitar. Xuntos emprenderán unha divertida e inesperada aventura que lles cambiará a vida para sempre.
"Leo & Lou" é unha produción de Zeta Cinema, Zeta Audiovisual, Aurora Audiovisual AIE e Frida Films, en coprodución coa británica Lunatica Limited e a romanesa Motion Picture Management en asociación con LipSync e Richmond Pictures. Producida por Antonio Asensio, Miriam Rodríguez, Paloma Molina, Luisa Romero, Miranda Ballesteros e Rodrigo Ruiz-Tarazona. Conta coa participación de RTVE, CRTVG e NETFLIX; con financiamento do ICAA, ICO e Xunta de Galicia; co apoio de Europa Creativa MEDIA e a colaboración da Comunidad de Madrid. Filmax encárgase da estrea en cinemas de España e das vendas internacionais.
"Leo & Lou" é unha produción sostible, cuxa rodaxe incorporou ferramentas, protocolos e medidas que garanten os criterios de sustentabilidade nos ámbitos ambiental, económico e social. Ademais, realizouse a medición da súa pegada de carbono e compensouse o total das emisións xeradas no proxecto, logrando así unha produción carbono neutral.