Cluster Audiovisual Galego

A TVG celebra os seus 40 anos cunha gala que se emitirá o 25 de xullo

24-07-2025

A Televisión de Galicia celebrou este mércores os seus 40 anos de vida cunha gala especial que reuniu máis dun milleiro de convidados no Pazo de Congresos de Santiago. O evento, presentado por Xosé Ramón GayosoArturo FernándezNoelia Rey e Aitana del Mar, rendeu homenaxe á traxectoria da canle pública nun emotivo programa que se emitirá o venres 25, Día de Galicia, no prime time baixo o título “Día G”.

O encontro reuniu representantes institucionais, do ámbito audiovisual e traballadores e extraballadores da canle. Entre as autoridades acudiron á cita o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Tamén participaron figuras destacadas das producións informativas e de entretemento da TVG e da Radio Galega, ademais de centos de traballadores actuais e xubilados, nun recoñecemento colectivo ao labor e compromiso que fixeron posible a historia dos medios públicos galegos.

A gala “Día G” ofrécese como unha homenaxe audiovisual, participativa e cargada de emoción, cun repaso á evolución da canle a través da presenza de rostros históricos e actuacións de artistas emblemáticos da cultura galega como Luz CasalTreixaduraTanxugueirasFredi LeisHeredeiros da CrusOrtigaD’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.

Unha programación especial para celebrar o país

A conmemoración do 40 aniversario prolongarase ao longo de varios días cunha programación especial. O xoves 24, a TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano distinguen os alcaldes do Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio. Esa mesma noite, o espazo “Mirade arriba”, presentado desde a praia de Silgar en Sanxenxo por David Espiño Rocío Delgado, iluminará o ceo da vila cunha espectacular coreografía aérea con máis de 200 drons, acompañada dunha narración que renderá tributo ás catro décadas da TVG. A noite culminará coa conexión en directo cos tradicionais Fogos do Apóstolo desde tres escenarios emblemáticos de Compostela: a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno.

Xa o venres 25, Día de Galicia, a cobertura especial continuará coa retransmisión en directo da Ofrenda ao Apóstolo Santiago desde a Catedral, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como delegado rexio.

A cultura galega, protagonista

O aniversario da TVG será tamén unha celebración do audiovisual galego. Os días 24 e 25 emitiranse dúas longametraxes galegas: “Amigos ata a morte”, comedia dramática de Javier Veiga, coproducida pola nosa asociada Undodez, e “Salta!”, unha proposta familiar de ciencia ficción protagonizada por Marta Nieto e Tamar Novas, con produción da nosa asociada Vaca Films. O domingo 27, o programa No Foco ofrecerá unha edición especial centrada nos 40 anos da TVG, mentres outros espazos como “Treixaromaría” (xoves 24) e “Búscate nas festas” (sábado 26) achegarán, desde a memoria e o entretemento, novas olladas sobre a historia compartida entre a canle e o seu público.