Cluster Audiovisual Galego

A longametraxe de animación “Decorado” estrearase no Festival de Sitges

18-07-2025

A película “Decorado”, do director galego Alberto Vázquez, terá a súa estrea en España no marco da Sección Oficial da 58ª edición de Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya (Sitges), que se celebrará entre o 9 e o 12 de outubro. O filme, unha longametraxe de animación coproducida pola nosa asociada Abano Producións e participada pola Televisión de Galicia, chegará ás salas de cine o 24 de outubro.

“Decorado” é unha longametraxe de animación que combina sátira, surrealismo e humor negro para mergullar os espectadores nunha realidade inquietante e absurda. O seu protagonista, un cidadán aparentemente corrente, comeza a sospeitar que todo ao seu redor —o seu traballo, a súa parella, a súa cidade— forma parte dunha xigantesca farsa.

Cun estilo visual único e un enfoque mordaz sobre a existencia humana, Alberto Vázquez (“Psiconautas”, “Unicorn Wars”) firma una fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das nosas certezas. Unha obra tan provocadora como fermosa, destinada a converterse nunha das películas de animación máis aclamadas e sorprendentes do ano.

Con guión de Alberto Vázquez e Francesc Xavier Manuel, “Decorado” é unha produción de Chelo Loureiro, Iván Miñambres, J. M. Fdez de Vega, Nuno Beato e Diogo Carvalho. Arnold é un rato de mediana idade atrapado nunha crise existencial. O seu matrimonio esborrállase, a súa vida parécelle absurda e comeza a sospeitar que todo ao seu redor é unha gran farsa. Cando o seu mellor amigo morre en circunstancias sospeitosas, Arnold convéncese de que algo non encaixa. O que comeza como unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.

A película, que parte da súa curtametraxe “Decorado”, ofrece unha estética inspirada nos gravados do século XIX e unha dirección de arte a cargo de José Luis Ágreda, aposta por unha linguaxe visual rica e simbolista, cunha animación que equilibra a expresividade emocional con personaxes de aparencia animal. A megacorporación ficticia ALMA, que controla todos os aspectos da sociedade, serve como metáfora do dominio actual das grandes plataformas tecnolóxicas e da alienación contemporánea.

Con esta fábula escura e provocadora, o multipremiado director de “Psiconautas” e “Unicorn Wars” volve afondar nos dilemas da existencia e a capacidade do ser humano para rebelarse contra unha realidade prefabricada, onde a verdadeira amizade e o amor aparecen como salvación fronte a un mundo saturado de relacións superficiais e de traballo baleiro. A obra é unha produción de Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold AIE e Sardinha Em Lata. Conta co apoio de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.

“Decorado” chegará aos cines españois da man de Barton Films e a distribución internacional correrá a cargo da prestixiosa Le Pacte.