O Clúster Audiovisual Galego abre a convocatoria de proxectos para o I+P, Ideas para Producir 2025
A 19ª edición do pitching I+P, Ideas para Producir abre a súa convocatoria para inscribir proxectos de cinema e televisión. O evento, que supón unha excelente oportunidade para a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos audiovisuais, celebrarase os vindeiros días 27 e 28 de novembro na Coruña.
O espazo Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior centro de produción virtual de España e un dos máis avanzados de Europa, acollerá a celebración dunha nova edición deste foro profesional de exposición de proxectos audiovisuais e encontros one to one.
O I+P está dirixido a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cinema ou televisión e que busquen alianzas empresariais, para a súa coprodución, venda ou distribución, con canles de televisión e plataformas. Poderanse presentar proxectos de longametraxes de ficción, animación e documental, así como series e miniseries de ficción, animación e documental, e programas de televisión ou outros formatos de entretemento.
Poderanse rexistrar varios proxectos por creador ou empresa e, como máximo, poderá ser seleccionado para participar no I+P un proxecto por autor/empresa.
Os responsables dos 18 proxectos seleccionados presentarán o día 28 de novembro os seus traballos diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación, terán lugar as reunións one to one entre os produtores e creadores e os decission makers da industria congregados no evento.
A data de peche da convocatoria de pitch é o 30 de setembro de 2025, ás 14:00 horas.
A listaxe de proxectos participantes publicarase na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.
O I+P, Ideas para Producir está organizado polo Clúster Audiovisual Galego, e conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración de Pedralonga Estudios, das asociacións CREA e AGAG, de Music Library & SFX, e de Gadisa.
Podes consultar as Bases da 19ª edición do I+P, Ideas para Producir aquí.
Podes inscribir o teu proxecto facendo clic nesta ligazón.
