Cluster Audiovisual Galego

“Rondallas”, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo, participará no Festival de San Sebastián

14-07-2025

“Rondallas”, a película de Daniel Sánchez Arévalo rodada en diferentes localizacións das Rías Baixas na provincia de Pontevedra, estrearase fóra de concurso no Festival de San Sebastián.

“Rondallas” terá a súa estrea mundial na edición 73 do Festival de San Sebastián. A longametraxe poderá verse no Velódromo, un escenario espectacular e unha das seccións máis populares do certame, que conta cunha pantalla de 400 metros cadrados e onde máis de 3.000 espectadores poderán gozar da estrea desta comedia dramática.

Producida polo noso asociado Ramón Campos (Míster Fields and Friends e Bambú Producciones) e Rondallas Movie A.I.E., “Rondallas”está protagonizada por Javier Gutiérrez, María Vázquez, Judith Fernández, Tamar Novas e Carlos Blanco.

Completan o reparto Fer Fraga, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde e a nena Lola López Rodríguez.

“Rondallas” conta coa participación de Movistar Plus+, RTVE e TVG, co financiamento do ICAA. Está cofinanciada pola Unión Europea coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Xunta de Galicia e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

A película estrearase en cinemas de toda España o 1 de xaneiro de 2026 da man de BETA FICTION SPAIN. As vendas internacionais correrán a cargo de STUDIOCANAL.

Sinopse

Dous anos despois do tráxico naufraxio dun barco pesqueiro que sacudiu a unha pequena vila mariñeira galega, algúns membros da rondalla, unha agrupación de música tradicional na que participan desde nenos ata anciáns, deciden que xa é hora de recuperar a ilusión e deixar o loito atrás. Por iso volven unirse para poñela en marcha coa intención de competir nun concurso contra as vilas veciñas, pero sobre todo de empezar a mirar cara adiante de novo.