A CRTVG abre unha nova convocatoria para a selección de proxectos de contidos dixitais destinados ás súas plataformas
A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) abriu unha convocatoria pública para seleccionar ata 15 novos contidos dixitais destinados ás súas plataformas AGalega.gal e Xabarín.gal.
A iniciativa contempla un investimento total de ata 357.000 euros, distribuídos entre cinco categorías: ficción, entretemento, divulgación, infantil e videopodcast, co requisito de que os proxectos estean integramente realizados en galego.
Os detalles da convocatoria están dispoñibles no Portal de Transparencia de CRTVG. O prazo de presentación das propostas permanecerá aberto ata as 15:00 horas do próximo 1 de setembro.
O obxectivo principal é fomentar a produción de contido innovador e orixinal, que combine unha narrativa atractiva con formatos modernos, pensados para unha audiencia dixital e participativa.
A Corporación priorizará aqueles proxectos que sexan inéditos, é dicir, que non fosen difundidos anteriormente, salvo nos casos de novas tempadas de propostas que xa participasen en convocatorias anteriores.
A aposta céntrase en contidos que destaquen pola súa creatividade, fomenten a interacción co espectador e promovan unha imaxe contemporánea do audiovisual galego.
Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia da CRTVG para reforzar a presenza de contidos en galego na contorna dixital, así como para seguir apoiando aos profesionais do sector audiovisual galego a través das súas canles públicas.
As plataformas AGalega.gal e Xabarín.gal, lanzadas como espazos dedicados a novas narrativas e públicos novos, continúan consolidándose como escaparates para a innovación audiovisual en Galicia.