Cluster Audiovisual Galego

Duacode recibe o Selo Responsabilízate da Xunta de Galicia polo seu compromiso coa sustentabilidade

13-06-2025

Duacode recolleu, nun acto celebrado o pasado 27 de maio en Santiago de Compostela, o Selo Responsabilízate da Xunta de Galicia, que certifica o seu compromiso cun modelo empresarial máis ético, sostible e aliñado cos valores ASG (Ambientais, Sociais e de Bo Goberno).

Jorge Pérez, subdirector territorial de duacode, e Isabel Armas, account manager, foron os encargados de recoller este selo en representación de todo o equipo. A nosa asociada compartiu este recoñecemento con outras 206 pemes galegas que, como duacode, completaron con éxito todas as fases do programa.

Este selo non é só unha insignia. Para obtelo, é necesario superar un proceso que inclúe diagnóstico interno, formación especializada, asesoramento personalizado e a posta en marcha dun plan de acción concreto en sustentabilidade, co compromiso de integralo de forma continua na estratexia e procesos da empresa.

Por iso, “formar parte desta cuarta edición é para nós motivo de orgullo”, indican desde a empresa. Como sinalou no acto o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, trátase do primeiro proxecto destas características en España dirixido a pemes e microempresas. As compañías que obteñen este selo non só son pioneiras e lideran o cambio cara a un modelo empresarial máis responsable, senón que tamén se adiantan ás tendencias normativas que están por vir.

Desde os seus inicios en 2012, en duacode apostaron por un crecemento responsable, que combine a innovación tecnolóxica co respecto á contorna, ás persoas e á sociedade. Por iso, “recibir este tipo de recoñecementos motívanos a seguir avanzando por esta vía, implementando boas prácticas en igualdade, conciliación, transparencia e responsabilidade social”, apuntan.