Cluster Audiovisual Galego

Digitoonz Spain distribuirá a nivel internacional “Bibopalula”, serie de animación producida por Undodez en colaboración coa TVG

09-06-2025

A filial española de Digitoonz Media & Entertainment, Digitoonz Spain, encargarase de distribuír internacionalmente a serie infantil “Bibopalula”, producida pola nosa asociada Undodez en colaboración con Televisión de Galicia (TVG).

A serie, que se estreou en novembro de 2024 na plataforma infantil Xabarín.gal, está dirixida ao público preescolar e conta con 55 episodios de 5 minutos, realizados en animación 2D. Dirixida por Laura Mahía e escrita por Andrés Mahía, narra as aventuras de catro paxaros que forman unha banda musical chamada The Forest Band.

Ambientada nun bosque, a serie promove valores como a amizade, a empatía e o respecto á contorna natural. Cada episodio inclúe unha canción orixinal, reforzando a súa dimensión educativa e musical.

Ademais da súa emisión televisiva, a serie comezou a desenvolver un universo transmedia que inclúe un libro infantil, espectáculos en vivo, unha liña de roupa con tenda en liña e contidos en plataformas como Spotify e Youtube.

A distribución internacional estará liderada desde a oficina de Digitoonz Spain, no marco da estratexia da compañía de apoiar contidos infantís con identidade local e proxección global.

María Bonaria Fois, presidenta de Digitoonz Spain, destaca o potencial internacional da serie e a súa capacidade para conectar con audiencias infantís en distintos mercados: “Coa súa proposta fresca, a súa mirada inclusiva e o seu compoñente musical, cremos que esta serie ten todo o potencial para conquistar ás audiencias infantís globais”.

Pola súa banda, Vikas Kumar, CEO e fundador de Digitoonz Media & Entertainment, engade que “‘Bibopalula’ representa unha activo clave na nosa estratexia de distribución internacional. Achega unha voz única dentro do contido preescolar, e hai un xenuíno entusiasmo pola súa proxección en mercados internacionais. Estamos convencidos de que será un gran éxito.»

Álvaro Pérez Becerra, CEO de Undodez, conclúe: “Desde o primeiro momento pensamos nas posibilidades que podería ter ‘Bibopalula’ nas pantallas de calquera lugar do mundo. É fantástico poder traballar da man de Digitoonz Media & Entertainment para achegar esta historia de amor pola natureza e pola música a distintos idiomas e territorios.”