Cluster Audiovisual Galego

O audiovisual galego participa no Celtic Media Festival 2025

05-06-2025

O audiovisual galego está amplamente representado no Celtic Media Festival 2025, que se está a celebrar en Newquay (Gales). Unha delegación empresarial impulsada polo Clúster e conformada polas produtoras Miraveo, Portocabo, Setemedia Undodez viaxou esta semana ata Gales para participar neste festival que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación.

O Celtic Media Festival ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional. Entre os representantes galegos neste evento tamén se encontra a nosa asociada a Televisión de Galicia. Durante o certame a canle autonómica establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.

Ademais, a súa produción “Pesca total” foi galardoada este mércores co premio do Celtic Media Festival na categoría de Factual Entertainment (entretemento baseado en feitos reais) no transcurso dunha gala.

“Pesca total” é un reality en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco “Praia de Sanxenxo”. Emitido xa na TVG, “Pesca total” competía con catro proxectos finalistas da BBC, un da canle irlandesa TG4 e outro da televisión de Gales S4C.

Esta é a segunda vez nos 40 anos de vida da canle pública que un programa de TVG de non ficción recibe un premio internacional, despois do acadado polo informativo de humor “Malicia noticias” en 2022. Neste foro profesional europeo recoñécense cada ano os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas.

Hoxe xoves haberá unha nova gala de entrega de premios. Desvelaranse máis galardóns, aos que optan as películas “As Neves” e “Xustiza artificial” (na categoría Single Drama, ou filme dramático). Na categoría de Drama Series, a CRTVG compite tamén con “Na Gloria”, comedia que combina retranca, costumismo surrealista e humor absurdo. A CRTVG conta tamén con outras nominacións. Destaca no medio radiofónico. Kiko Novoa como candidato a Presentador do Ano, e a Radio Galega opta ao recoñecemento como Mellor Estación de Radio.

No apartado Factual Series, competirán dúas producións da TVG, “Os ríos da vida”, unha serie que percorre os cursos fluviais galegos explorando as historias que agochan; e “Curando o mundo”, un seguimento do cirurxián Diego González Rivas na súa misión de ensinar polo mundo a súa innovadora técnica de cirurxía pulmonar minimamente invasiva. Outras candidaturas son as de “Recollendo músicas” (Arte), unha serie que explora a pegada da música tradicional galega nas composicións actuais; ‘e “Raíña-me” (na categoría de Short Form), espazo en que a artista Alexa Evans axuda a transformar a estética de persoas que queren converterse en auténticas drag queens.