Cluster Audiovisual Galego

"Una ventana al mar", protagonizada por Emma Suárez, preséntase no BCN FILM FEST

29-06-2020

"Una ventana al mar" presentouse no BCN FILM FEST 2020 - Festival Internacional de Cinema de Barcelona-Sant Jordi, dentro da súa sección Zona Oberta, o primeiro festival de cine presencial que tivo lugar trala crise do coronavirus. A actriz protagonista Emma Suárez, o director Miguel Ángel Jiménez e o actor Gaizka Ugarte presentaron a película o venres 26 de xuño, no Cine Verdi de Barcelona.

Sinopse

"Una ventana al mar" é unha emotiva historia de amor protagonizada por Emma Suárez (gañadora de tres Goya, o último por “Julieta”, de Pedro Almodóvar) no papel de María, unha funcionaria de cincoenta e cinco anos de Bilbao á que diagnostican unha grave enfermidade. A pesar diso e en contra do consello do seu fillo (Gaizka Ugarte), decide facer unha viaxe a Grecia coas súas dúas mellores amigas. Alí, descubrirá a illa de Nisyros, un pequeno remanso de paz e calma onde volta a sentir as gañas de vivir. Mentres explora a illa e se sumerxe nos seus tesouros agochados, coñece a Stefanos (Akilas Karafisis) e namórase inesperadamente del.

Ubicada na fascinante illa grega de Nisyros, onde o sol brila sobre un maxestuoso volcán inactivo, "Una ventana al mar" é unha historia poderosa e esperanzadora sobre últimas oportunidades, a perda e como encarar a morte sen medo, simplemente apoiándose no amor doutra persoa.