Cluster Audiovisual Galego

“La isla de las mentiras”, de Paula Cons, estrearase o 24 de xullo a través da plataforma Filmin

26-06-2020

A película rodada en Galicia "La isla de las mentiras", ópera prima da socia Paula Cons, estrearase o próximo 24 de xullo a través da plataforma Filmin, onde estará dispoñible en aluguer e tamén en subscrpción sen custe engadido para os subscritores.

A película, coescrita por Paula Cons e Luis Marías, está protagonizada por Nerea Barros (“La Isla Mínima”- Premio Goya Mellor Actriz Revelación; miniserie “Días de Navidad”), Darío Grandinetti (serie “Hierro”; “Relatos Salvajes”) e Aitor Luna (“Sordo”; miniserie “La catedral del mar”). Completan o reparto Victoria Teijeiro (“Esperando septiembre”) e Ana Oca (“Escarabana”). Outras caras coñecidas son as de Milo Taboada, Celso Bugallo, María Costas, Machi Salgado e os vascos Javier Tolosa e Leyre Berrocal, entre outros.

A película está inspirada libremente en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921. Este é o punto de partida dun thriller onde o máis interesante non é o naufraxio en si mesmo, senón as consecuencias que ten nun microcosmos tan cerrado e peculiar como o da illa de Sálvora. Tamén é unha homenaxe ás 3 mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.

Sinopse

Inspirada en feitos reais. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, co destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afúndese fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa tres mozas locais, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro.

Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades na illa, chegando incluso a sospeitar que o naufraxio puido ter sido provocado.

Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

"La isla de las mentiras" é a primeira longametraxe de ficción como directora de Paula Cons. Antes dirixira os documentais “La batalla desconocida”, (Seminci 2017- DocEspaña, e gañador do premio “Mestre Mateo” ao Mellor Documental), e “O caso Diana Quer. 500 días”.

O guión é tamén de Paula Cons e conta coa colaboración de Luis Marías como coguionista. A directora rodeouse dun equipo de profesionais de primeira liña como o director de fotografía, Aitor Mantxola (“El fotógrafo de Mauthausen”); o director de arte, Antonio Pereira (serie “Fariña”); a editora, Julia Juániz; a responsable de maquillaxe e perruquería e nomeada por cuarta vez ao Goya nesta categoría, Raquel Fidalgo, a deseñadora de vestiario, Eva Camino (serie “Fariña”) e a lingüista, Rosa Moledo (serie “Fariña”).

"La isla de las mentiras" é unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio de AGADIC, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia. Da súa distribución nacional e internacional ocúpase Filmax.

Ver tráiler