Cluster Audiovisual Galego

A CRTVG, a única canle de España con medidas para o audiovisual recollidas polo Observatorio Audiovisual Europeo

22-05-2020

O Observatorio Audiovisual Europeo acaba de publicar unha guía na que se recollen 623 medidas de operadores, gobernos e asociacións europeas na defensa do sector audiovisual contra a crise provocada pola COVID-19.  As únicas medidas recollidas polo informe europeo dun teleoperador español son as lanzadas o pasado 8 de abril pola CRTVG para apoiar o sector audiovisual e creativo de Galicia.

A guía pode consultarse aquí, e será actualizada progresivamente polo Observatorio.

Nestas semanas xa foron activadas iniciativas concretas para a adquisición de documentais e a contratación ou o acordo da participación da CRTVG en sete novos proxectos cinematográficos. Esta guía faise pública unha semana despois de que o informe anual da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) certificara que a CRTVG é a canle que máis investiu en contidos audiovisuais -cine e series- de entre todas as televisións autonómicas no ano 2018.

Estas medidas de apoio ao sector son só unha parte do labor desenvolvido polos medios públicos de Galicia no marco da pandemia da COVID-19.  

Máis de 50 horas de retransmisión das autoridades gobernamentais

A CRTVG, cumprindo coa súa misión de servizo público, traslada á cidadanía galega as comparecencias das autoridades gobernamentais e sanitarias, tanto de ámbito estatal como autonómico, para que os galegos e galegas teñan toda a información en directo que emana das fontes oficiais.

A reacción da CRTVG á pandemia da COVID-19 foi aumentar o servizo público, aumentar os servizos informativos, manter os programas de entretemento e reforzar a división dixital; e todo conxugado coa propia protección da saúde dos seus traballadores.

Máximos históricos da Radio Galega e de contidos online

A primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) de 2020 recolleu unha das mellores cifras de audiencia da historia da Radio Galega, con 212.000 oíntes de luns a venres. Isto supón un incremento do 60% en relación a hai un ano. Sumados os datos de Radio Galega e Radio Galega Música, esta cifra sobe aos 247.000 oíntes. Segundo o EXM, a emisora pública é a primeira de Galicia en share, cun 28,7%, por diante das radios privadas, e tamén é líder no consumo por minutos, cunha media de 186 minutos por oínte de luns a venres.

O reforzo dos contidos dixitais nestes dous primeiros meses de estado de alarma derivaron en datos de máximo uso do servizo público a través das canles online no mes de abril (datos facilitados polo medidor de referencia Comscore). A web crtvg.gal rexistrou en abril o máximo histórico de número de usuarios, sesións e páxinas vistas, este último dato por riba dos 3 millóns de páxinas; e o número de usuarios únicos das canles da CRTVG aumentou nun 88% desde xaneiro ata abril.

A sección online de “Informativos” acada o máximo histórico de número de páxinas vistas en abril, con case 1 millón, e “Enserie.gal” creceu en abril un 80%. Tamén a canle de Youtube da TVG medrou un 16% con respecto a marzo.

A CRTVG fixo un esforzo tamén en dixital para trasladar á cidadanía información esencial e de servizo público, e elaborou centos de vídeos de menos dun minuto para facer chegar a toda a poboación dunha forma sinxela e rápida todas as ordes, instrucións, normativas e recomendacións que ían emanando tanto desde o Goberno central como o autonómico para que todos os galegos e galegas tiveran acceso a toda a información máis relevante de maneira inmediata e en calquera lugar onde se atopasen.