Cluster Audiovisual Galego

RTVE.es estrea o tráiler de “La isla de las mentiras”, de Paula Cons

22-05-2020

Xa está dispoñible o tráiler oficial de “La isla de las mentiras”, a primeira longametraxe de ficción dirixida pola socia Paula Cons, que vén de estrearse na plataforma Cine.ar de Arxentina. Un thriller inspirado no afundimento do buque El Santa Isabel fronte á costa da illa galega de Sálvora en 1921.

A película narra en ton de suspense e intriga a fazaña de tres mulleres que se lanzaron ao mar a salvar náufragos e todas as inesperadas consecuencias que para elas tivo ese feito.

Dirixida por Paula Cons, “La isla de las mentiras” está protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna e estrearase proximamente en salas de cine da man de Filmax.

O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis e a arxentina Aleph Cine. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio de AGADIC, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia.

Sinopse

A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, en medio dunha espesa néboa o vapor Santa Isabel, con 260 emigrantes con destino Bos Aires, afundiu fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. Esa noite non había homes na illa, estaban celebrando o Nadal en terra firme. A única esperanza dos supervivintes que loitaban por non estrelarse contra as rochas eran as poucas mulleres, vellos e nenos que vivían neste lugar. Tres mozas da illa, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden lanzarse ao mar nunha pequena embarcación tradicional. Remando só de oído, debido á espesa néboa e á noite pecha, conseguen salvar a 50 persoas. Todo o que acontece desde esa noite vai sacudir e cambiar para sempre a esta illa. Un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pero pouco a pouco comproba que esa noite sucederon demasiadas terribles "casualidades" na illa. Son moitas as incógnitas que hai que resolver...