Cluster Audiovisual Galego

“Hierro” retoma a rodaxe da súa tempada 2 en xuño

22-05-2020

Nos vindeiros días retomarase a gravación da segunda tempada de “Hierro”, a ficción da socia Portocabo, ARTE France e Atlantique Productions para Movistar+ que, xunto ao Goberno de Canarias, acordaron un estricto protocolo sanitario, para o que foi fundamental o apoio do Cabildo de El Hierro e diferentes empresas do arquipélago. “Hierro” convértese así na primeira produción orixinal de Movistar+ que volve á produción tralo parón ocasionado polo estado de alarma decretado a mediados de marzo.

Segundo sinala Movistar+ nun comunicado “o equipo de artistas e técnicos regresará a El Hierro, onde transcorre a serie, escalonadamente”, unha vez se sometan a un test PCR nas súas residencias habituais. Ademais, á súa chegada á illa terán que pasar un período de illamento e un novo test médico antes de reincorporarse aos que serán os seus aloxamentos durante as 10 semanas de gravación que restan.

A plataforma engade que “a volta á rodaje reactivará unha actividade que implica laboralmente a máis de 100 artistas e técnicos así como a un bo número de empresas colaboradoras locais.”

A segunda tempada de “Hierro” estará integrada por 6 episodios de 50 minutos de duración e verase en Movistar+ no ano 2021.

Creada por Pepe Coira e dirixida por Jorge Coira, “Hierro” é un thriller policial, con Candela Peña como protagonista. A serie conta cun amplo reparto no que destacan o actor arxentino Darío Grandinetti, os canarios Kimberley Tell, Tania Santana, Maykol Hernéndez, Ciro Miró, Iris Díaz, Aroa Hafez ou o hispano sueco Matías Varela.