Cluster Audiovisual Galego

Jorge Algora, relixido presidente do Clúster Audiovisual Galego

18-05-2020

O produtor e socio fundador de Adiviña Producións, Jorge Algora, foi relixido por unanimidade presidente do Clúster Audiovisual Galego para os próximos tres anos na Asemblea Xeral Extraordinaria de socios que celebrou a entidade o venres 15 de maio de maneira telemática. A Asemblea tamén ratificou os membros que integran a nova Xunta Directiva para este novo período. 

O presidente do clúster, en primeiro lugar, agradeceu a confianza depositada nel durante os últimos anos e a colaboración recibida tanto por parte dos membros da Xunta Directiva coma do resto de empresas socias. Do seu primeiro mandato cómpre salientar o notable incremento acadado no número de asociados e o ter conseguido situar de novo ao clúster como organismo de referencia na interlocución entre as empresas e as administracións. 

De cara ao seu segundo mandato, e dadas as circunstancias de especial dificultade polas que atravesa o sector, Jorge Algora manifestou a súa intención de “traballar para que as empresas do Clúster realicen o seu labor nas mellores circunstancias posibles e dispoñan de ferramentas útiles” para afrontar a actual crise derivada da pandemia. Tamén está entre os seus obxectivos “converter ao Clúster no organismo máis efectivo” que coordine a relación das empresas do audiovisual galego coas administracións. 

Ademais, entre os retos a curto e medio prazo está impulsar os contidos dixitais, a través dunha maior interrelación entre contidos e tecnoloxía, e integrar como socios colaboradores a asociacións e colectivos sectoriais co obxectivo de formular propostas conxuntas ante a administración que redunden no beneficio do audiovisual galego. Tamén está nos planes do organismo promover a posta en marcha da Galicia Film Commission, así como a creación do Observatorio do Audiovisual Galego, que facilite datos actualizados da industria, entre outros. 

A Xunta Directiva deseñada por Jorge Algora para este mandato inclúe unha nova vicepresidencia de contidos dixitais e unha nova vogalía para a elaboración do plan de posta en marcha da film commission galega. O equipo directivo está composto por 10 persoas, entre as que hai tres incorporacións novas. Xunto ao presidente Jorge Algora, conforman a directiva tres vicepresidentes: Juan de Dios Serrano, de Agallas Films, que ostenta tamén o cargo de tesoureiro; Miguel Conde, de Congo Producciones, e entra na xunta Manuel Meijide, de Mundos Digitales. O cargo de secretaria e xerente do Clúster seguirá sendo desempeñado por Mar Varela. Continúan como vogais Julio Casal, de Ficción Producciones; Margarita Soilán, de Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo, e Aquilino Abeal, de Aeromedia, e incorpóranse Alberto Domínguez, de CTV, e Óscar González, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). 

Por outra banda, a Asemblea Extraordinaria de socios aprobou tanto as contas de resultados do pasado exercicio como o plan de actuación executado no 2019. Tamén se aprobaron o orzamento e o plan de acción para este 2020, e déronse a coñecer as actividades que o Clúster levará a cabo de aquí a finais de ano en cada un dos seus ámbitos de actuación estratéxicos. 

Composición da nova Xunta Directiva do Clúster Audiovisual Galego: 

Presidente: Jorge Algora (Adiviña Producións)

Vicepresidente responsable de Cine Independente e Documentais, e Tesoureiro: Juan de Dios Serrano (Agallas Films)

Vicepresidente responsable de Estratexias de Comunicación: Miguel Conde (Congo Producciones)

Vicepresidente responsable de Contidos Dixitais: Manuel Meijide (Mundos Digitales)

Secretaria: Mar Varela 

Vogais:

Innovación: Óscar González (Instituto Tecnolóxico de Galicia)

Televisión: Julio Casal (Ficción Producciones)

Formación: Margarita Soilán (Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo)

Servizos á Produción: Aquilino Abeal (Aeromedia)

Internacionalización e Estratexia Film Commission: Alberto Domínguez (CTV)