Cluster Audiovisual Galego

A serie “Hierro”, de Movistar+, detén a rodaxe en Canarias da súa segunda tempada

20-03-2020

A segunda tempada de “Hierro” viu suspendida a súa rodaxe esta semana pola crise do coronavirus e o estado de alarma declarado no país. A produtora Portocabo decidiu deter a gravación tras un mes rodando na illa canaria de El Hierro, e a maior parte do equipo técnico e artístico xa regresou ao seu domicilio. Alfonso Blanco, produtor executivo de Portocabo, comentou que esperan poder renovar a produción, que tiña prevista a súa finalización en maio, “en canto as circunstancias o permitan de novo”. 

A finais de febreiro presentábase a rodaxe da segunda tempada de Hierro, o thriller policíaco que volve estar protagonizado por Candela Peña e Darío Grandinetti, con Jorge Coira á dirección e Pepe Coira á fronte do equipo de guión. A esta nova tempada, de 6 episodios de 50’, incorporáronse actores como Matias Varela, coñecido pola súa aparición na serie “Narcos”.

A primeira tempada “Hierro”, unha coprodución de Portocabo, Movistar+, Atlantique e ARTE TV, foi unha da serie máis vistas na plataforma Movistar e unha das máis premiadas da tempada, con recoñecemento nos Premios Ondas (mellor serie e mellor actriz protagonista), Premios Iris (mellor guión), Premios Feroz (mellor drama e mellor actriz protagonista) e Premios Mestre Mateo (mellor serie, mellor dirección, mellor guión e mellor dirección de produción). Ademais, no seu percorrido internacional, Hierro viuse en Francia e Alemaña a través do canle ARTE, no que logrou un dos mellores rexistros de audiencia na historia da canle.