Cluster Audiovisual Galego

A CRTVG lanza a serie “A Estiba” ao completo na súa plataforma Enserie.gal

20-03-2020

Coñecedores do aumento da demanda dos usuarios dixitais neste momento de corentena obrigatoria pola crise do coronavirus e consonte á súa función de servizo público, a CRTVG pon dispoñible ao completo na súa plataforma Enserie.gal o thriller policialA Estiba”, que comezou a emitirse en liña en setembro de 2019 e que acompañou os galegos na noite dos domingos durante 17 capítulos.

A serie estará dispoñible no arquivo de series en liña da Televisión de Galicia, en que tamén se atopan producións míticas como “Pratos Combinados”, “Mareas Vivas” ou “Matalobos”, ademais de ficcións máis recentes como “Viradeira” ou “Vidago Palace”. A partir de agora, os 17 capítulos de “A Estiba” tamén estarán accesibles neste catálogo de series para que todos os galegos poidan gozar deles.

A Estiba” é un trepidante thriller policial que se inspira no traballo da Policía Nacional e está producida por Voz Audiovisual, creadora de produtos de éxito como “Matalobos” ou “Serramoura”. A serie chamou a atención internacionalmente e é candidata nos Premios Celtic Media Festival a mellor serie de televisión, categoría en que competirá con ficcións tan destacadas como “Line of Duty” e “Guilt”, ambas as dúas da BBC.

Un misterio é o punto de partida de “A Estiba”, que comeza co atraque dun barco no porto da localidade ficticia de Ardora, onde toda a súa tripulación foi masacrada. Cando os axentes de policía van investigar o acontecido, descobren que no porto rexe unha soa lei, a do silencio. Ardora é unha vila próspera, onde se vive da actividade comercial e industrial do seu porto, pero que conta cos índices de criminalidade máis elevados do país. Isto non acabará aquí, pois os xiros no guión convértense en habituais e nela nin os bos son tan bos nin os malos tan malos. A produción ten como protagonistas tres actrices: Melania CruzDesiré Pillado e Antea Rodríguez, que se meten na pel das irmás Fortes, as fillas do comisario da vila. Forman parte dun elenco de cerca de 20 actores e actrices, entre os que destacan Luís IglesiaAna SantosAdrián Castiñeiras e Fernando Dacosta.